O Concello abre expediente sancionador para depurar responsabilidades polo vertedoiro descontrolado de Alto do Vento

52

A empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza viaria e do punto limpo do concello de Ames, recolleu esta semana un novo vertedoiro incontrolado, que previamente os axentes da Policía Local detectaron xunto aos colectores de lixo da urbanización O Bosque Animado, en Ventosa, na parroquia de Covas. Houbo que recoller unha gran cantidade de lixo nas proximidades dos colectores, composto principalmente por restos de poda, mobiliario de terraza e enseres de todo tipo. 

Os axentes da Policía Local atoparon entre o lixo cartóns con datos persoais, que lle permitiron identificar a dúas persoas. O Concello de Ames iniciará un expediente sancionador para depurar responsabilidades.

Dende o Concello de Ames, que está traballando na conservación dos recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico, apélase unha vez máis á colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se repitan, e informa a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.