O Concello acusa á Xunta de boicotear a humanización do Milladoiro

241

O Concello de Ames eleva o ton contra a Xunta de Galicia despois de coñecer a intención do Goberno autonómico de recorrer en contra do proxecto de humanización da travesía do Milladoiro. Así o fixo saber o presidente da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. Para o alcalde, Blas García, esta manobra da Xunta supón un boicot ao investimento “máis importante da historia de Ames”. O Goberno do Estado ten previsto destinar 5,1 millóns de euros nesta ampla remodelación do Milladoiro, a principal poboación do municipio. Tamén amosa o rexedor o seu malestar pola “falta  de respecto institucional” que supón non establecer comunicación previa co Concello. “Non son de recibo nin os feitos nin as formas”, afirma.

Para o Concello de Ames, esta decisión da Xunta debe inscribirse na precampaña electoral galega e a dunha hipotética repetición das eleccións xerais. “Non é función da Xunta de Galicia facer oposición ao Goberno de España”, afirman dende o municipio, lamentando que se queira “comezar coa campaña electoral danando unha actuación vital para o futuro do núcleo máis poboado e importante do municipio”. “Opoñerse a políticas beneficiosas para os galegos e galegas porque proceden dunha administración doutro signo político é anacrónico; é necesario ter altura de miras e velar polo beneficio da nosa xente”, di o alcalde, que continúa afirmando que “a Xunta de Galicia está a boicotear un investimento de 5,1 millóns de euros, o máis importante da historia de Ames”.

Blas García solicitou hai semanas unha xuntanza co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e reitera a urxencia desta reunión para recibir unha explicación concreta sobre os motivos por tras desta decisión da Xunta. “Non hai base nin argumentos de ningún tipo para o recurso, están a tempo de rectificar nunha decisión que o único que fará e retrasar o inevitable. Imos perder o tempo en algo que non vai a ningún sitio”, denuncia García.

O alcalde instou á Xunta de Galicia abandonar “a política do non” e traballar para buscar outras opcións ou ofrecer alternativas: “Actualmente os veciños e veciñas de Milladoiro soportan unha cifra próxima a 30.000 vehículos pola travesía, en vez de negar que existe un problema deberían axudar para atopar unha solución”.

Unha obra moi agardada

A licitación da obra por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana supuxo un avance no cumprimento dunha vella reivindicación no Milladoiro como é humanizar a nacional 550 ao paso pola vila. Un tráfico intenso e poucas facilidades para o peón son os trazos identificativos dunha vía que responde a un modelo de urbanismo anacrónico. A reforma permitiría harmonizar o tráfico e mellorar a accesibilidade peonil, especialmente para as persoas con problemas de mobilidade.