O Concello de Ames actualiza o seu Regulamento Orgánico

Este xoves, 24 de novembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes de novembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade as bases para a elección de xuíz de paz substituto do Concello de Ames. Ademais, aprobouse por maioría absoluta a cuarta modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM).

Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do Goberno municipal e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. En contra votaron os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos.

Segundo explicou o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, as principais novidades son que “se introducen varios artigos novos como o 4 bis para regular o grupo mixto novo, o artigo 55 bis co obxecto de regular as mocións políticas, e tamén se inclúen tres novas disposicións adicionais. A primeira recolle as obrigas de relacionarse co Pleno e coa Administración a través de medios electrónicos; a segunda sobre o procedemento de celebración dos órganos colexiados por medios telemáticos en situacións excepcionais; e a terceira ofrece a posibilidade de asistencia a distancia dos concelleiros e concelleiras á sesións de plenos, comisións informativas e xuntas de goberno, ou das/os voceiras/os en situacións de maternidade/paternidade, risco por embarazo, enfermidades debidamente xustificadas, co obxectivo de garantir a asistencia dos concelleiros e concelleiras en ditos órganos colexiados”.

Tamén foi aprobado o suplemento de crédito 5/2022 con remanente de tesourería para gastos xerais. Varias traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que están en folga indefinida dende o pasado 2 de novembro, asistiron como público ao pleno co obxectivo de visibilizar as demandas de melloras que están facendo nas condicións laborais do colectivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *