O Concello de Ames pide a colaboración da Xunta para a mellora de infraestruturas locais

174
12,00 h.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manterá unha reunión co alcalde de Ames, Blas García. foto xoán crespo

O pasado martes, 10 de xaneiro, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes e Atención veciñal, Susana Señorís, mantiveron unha xuntanza co vicepresidente segundo da Xunta de Galicia. Neste encontro o alcalde de Ames solicitoulle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fondos para levar a cabo tres importantes demandas do concello.  

O primeiro destes proxectos é a construción, no antigo campo de fútbol de Ventín, dunha pista cuberta e dun espazo destinado a saltos de lonxitude, altura e pértega. Esta obra, para a que o alcalde de Ames lle solicitou colaboración á Xunta de Galicia, sería a segunda fase dun proxecto máis ambicioso e que inclúe a construción dunha zona de lanzamentos, accesos e vestiarios. Esta primeira fase vaise licitar ao longo de 2023 con fondos propios do Concello de Ames, a través do plan Ames Progresa.

A mellora do antigo campo de fútbol de Ventín e o seu acondicionamento para a práctica do atletismo é unha vella demanda dos clubs de atletismo do concello de Ames. Arestora son dous os  clubs que empregan este espazo para adestrar. Dous clubs, o Ames Atletismo e o Millaraio, que viron nos últimos anos como o número de membros dos seus equipos aumentou considerablemente, o que veu emparellado coa obtención de bos resultados en distintas competicións tanto a nivel estatal como autonómico.

O segundo proxecto é a ampliación da Casa do Concello. O alcalde de Ames, Blas García, trasladoulle ao vicepresidente segundo da Xunta de Galicia a necesidade de ampliación da Casa do Concello. A idea é a construción dun edificio anexo máis moderno e eficiente que poida albergar a todo o persoal municipal e, polo tanto facilitar as xestións da veciñanza.

O anteproxecto de ampliación da Casa do Concello baséase en dúas premisas: que sexa un edificio operativo e funcional e que responda as actuais necesidades do municipio e que esteticamente manteña o vínculo co actual. Un edificio de tres plantas, abeirado á actual Casa do Concello e que se alongue case até a beirarrúa da rúa alcalde Lorenzo. Cun salón de plenos semicircular e espazoso, que serva tamén para outro tipo de xuntanzas. Espazos para os traballadores abertos e diáfanos, vinculados aos novos estilos laborais e ao concepto de medios compartidos que implica o teletraballo. Lugares onde as persoas que van a facer trámites ao concello poidan agardar con comodidade.

Por último, presentaron o proxecto de construción dun novo pavillón polideportivo máis moderno e con máis capacidade para poder dar servizo a todas as necesidades deportivas do concello.

A colaboración entre administracións
O alcalde de Ames, Blas García, insistiu en que “Para afrontar estes proxectos de presente e futuro é necesario contar co apoio doutras administracións, como a Xunta de Galicia ou a Deputación da Coruña, dado que o concello por si só non pode asumir a súa totalidade”. E engadiu “Ames é un concello que medrou moito demográficamente en pouco tempo, pero as infraestruturas non medraron acompasadas coa súa poboación, polo que agora temos un importante déficit de servizos”.

Pola súa banda o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou as achegas realizadas pola Xunta de Galicia ao Concello de Ames nos últimos anos, sobre todo no ámbito deportivo e na melloras das infraestruturas municipais e a través de actuacións ambientais, cunha inversión de máis de 727.700 euros. Ademais, o vicepresidente segundo da Xunta destacou a importancia da colaboración entre administracións en iniciativas que redundan de forma directa no benestar da veciñanza e avogou, tamén, pola cooperación entre os propios concellos para sumar esforzos e ser máis eficientes.