O Concello de Ames presenta alegacións contra a liña de evacuación do Parque Eólico A Picota

164

A liña de evacuación do parque eólico A Picota, que comeza en Mazaricos e chega ata Santiago pasando por Ames, xera preocupación no municipio. O goberno local amesán anunciou hoxe que presentou alegacións ante a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación sobre o proxecto. Estas alegacións súmanse ás que realizan a título persoal moitos veciños.

O 14 de setembro tivo lugar unha xuntanza informativa no local social de Tapia. Posteriormente, a web municipal puxo a disposición dos veciños modelos de impreso para presentar alegacións por fincas particulares ou de forma xeral.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “tal e como informamos na xuntanza mantida cos veciños e veciñas afectadas, o Concello de Ames vai a estar do lado dos propietarios e imos a traballar para que esta liña afecte o mínimo posible ás propiedades. Desde o Concello de Ames queremos trasladar a nosa preocupación porque liñas deste estilo crucen de xeito indiscriminado o noso concello, xa que é zona de paso para Santiago, polo que loitaremos para que o noso ceo non quede cuberto de cableado eléctrico, e que se respecte o noso espazo, ademais de preservar a saúde da veciñanza amesá”.

Oito puntos
As alegacións presentadas céntranse en oitos puntos. En primeiro lugar, o Concello denuncia a non inclusión do proxecto no plane sectorial eólico vixente en Galicia. Ademais, denuncian que o percorrido da liña non se adapta a topografía nin xeomorfoloxia do terreo, cruzando predios de forma indiscriminada e non valorando os efectos de segregación ocasionados. As terras que cruzará en Ames son, en varios casos, de alta produción agraria, procedendo da concentración parcelaria. O itinerario da liña non segue en paralelo a traza das vías existentes, xerando unha nova vía de afección que secciona o territorio. Por último, a traza proposta cruza no municipio varias liñas de alta e media tensión sen entroncar nelas nin dispoñerse en paralelo, tal e como se recolle nas directrices de ordenación do territorio.

A segunda alegación alude ao fraccionamento dos parque eólicos da Picota I e II. É unha artimaña frecuente na cuestión eólica e supón dividir artificialmente a instalación en dous parques que constitúen o mesmo proxecto. Comparten elementos chave que non permiten o seu funcionamento por separado, pero dilúen os impactos ambientais do conxunto da infraestrutura industrial ao someterse unicamente a exposición pública determinada parte do plan e de forma fraccionada.

Afección de terreos por incendios forestais e concentración parcelaria
A terceira alegación indica que algúns dos terreos sobre os que discorren as instalacións da liña son montes que sufriron incendios forestais e están afectos á prohibición de cambio de uso recollido na Lei de Montes de Galicia por cambiar os usos do monte. A cuarta alegación refírese á afección de terreos de concentración parcelaria, que teñen a consideración de solo rústico de especial protección agropecuario e para actuar sobre eles cómpre contar cun informe favorable.

Na quinta alegación indícase que segundo o artigo 40.3.b da Lei 1/2021, de 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o PIA (proxecto de interese autonómico) en tramitación é non previsto. Isto significa que ten que axustarse ás directrices de ordenación do territorio e aos instrumentos de ordenación vixentes que concorran no ámbito, circunstancia que non se dá.

A sexta alegación acusa á promotora de incumprir o establecido a Lei reguladora do aproveitamento eólico ao non incluír unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos a expropiar por falta de acordo. Na sétima alegación cuestiónase o trazado, xa que perimetra o concello en vez de seguir unha liña recta, e non reforza as liñas existentes nin discorre paralela ás estradas e vías e liñas existentes. A oitava e última alegación fai referencia á indebida valoración ambiental. O proxecto ameaza carballeiras cun enorme valor paisaxístico, fauna e biodiversidade e diferentes recursos hídricos.

O Concello reclama que se rexeite a continuación da tramitación.