O Concello destinará 60.000 euros a entidades sen ánimo de lucro

263

Un total de nove entidades sociais sen ánimo de lucro beneficiaranse das subvencións de promoción de actividades de Servizos Sociais Comunitarios e Inclusión Social que aprobou a Xunta de Goberno local o pasado día 29 de xullo. Desta maneira promoveranse accións e actividades de inserción social, enfocadas a persoas e colectivos con dificultades específicas. As entidades beneficiadas serán Arcea Adames, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Caritas Diocesana de Ortoño e Caritas Diocesana do Milladoiro, Fonte da Virxe, Fundación Tierra de Hombres, Igaxes 3, AECC e INGADA. En total promoveranse 14 proxectos grazas a estas axudas, que comprenden aspectos como a educación emocional, o acompañamento integral, as necesidades básicas ou as axudas ao alugueiro.

A edil de Benestar Social, Luísa Feijoo, agradeceu o labor destas asociacións e sinalou que cada ano son máis as que concorren á subvención, motivo polo que se aumentou a cantidade económica. Feijoo salientou a calidade dos catorce proxectos e programas.

Os proxectos
O proxecto de Arcea Adames traballará a autonomía persoal e a educación emocional con intervención en comunicación e linguaxe. Contempla actuacións de capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica para persoas con discapacidade intelectual.

A Delegación de Caritas Diocesana Santiago Parroquial de Ortoño afrontará con esta axuda un proxecto de alugueiros e outro de necesidades básicas. Pola súa banda, Caritas Diocesana Santiago Parroquial de Milladoiro presentou ás subvencións tres proxectos: “Areté”, “Vivenda para todos” e “Itinerarios 2021”. As liñas de actuación de ámbalas dúas delegacións inclúen programas integrais de base comunitaria que desenvolven actuacións preventivas de intervención e seguimento das persoas en risco de exclusión social.

A Asociación “Fonte da Virxe” de familiares e amigos dos enfermos mentais presentou un proxecto de acompañamento integral no rural, cuxas actuacións incluirán programas de inserción social e irán dirixidas a colectivos con especiais dificultades.

A actuación que propón A Asociación de Persoas Sordas de Santiago resúmese no proxecto de comunicación e interpretación de linguaxe de signos e inclúe liñas de inserción social dirixidas a colectivos con especiais dificultades.

A Asociación Tierra de Homes titulou o seu proxecto “Viaxe cara a vida”, un traballo dirixido tamén a axudar na reinserción a colectivos con especiais dificultades.

Igaxes 3, unha ONG que ten como obxectivo garantir o futuro da infancia e da xuventude, presentou dous proxectos “Competencias familiares” e “Escola de vida”. O colectivo presenta “Escola de vida” para impedir que as carencias materiais, afectivas, a desprotección ou inseguridade poñan en perigo a educación e o futuro de miles de nenos e nenas. No caso de “Competencias familiares” é un proxecto que une o apoio á vivenda, á manutención, á formación e acceso ao emprego, apoio ás familias ou á autonomía e á independencia.

A Asociación Española Contra o Cancro presentou o proxecto “Educación para a saúde”, un traballo onde os educadores sociais queren concienciar sobre a importancia de levar un estilo de vida saudable e unha alimentación axeitada.

INGADA pola súa banda presentou un proxecto titulado “Facendo comunidade”. Este proxecto está destinado a mellorar a atención ás persoas afectadas por TDAH e trastornos asociados e ás súas familias en todos os ámbitos da vida.