O Concello dotará de electricidade e auga ao centro de saúde do Milladoiro

453

Dende a semana pasada estanse executando diferentes traballos na parcela onde se está construíndo o novo centro de saúde do Milladoiro, para dotar ao novo ambulatorio de subministración eléctrica e telefonía. Os traballos da acometida eléctrica e telefónica están sendo executados pola empresa Iglesias Mera, mentres que os traballos para instalar a rede de gas están pendentes de realizar por parte da empresa comercializadora de dito servizo. Unha vez finalizados estes traballos asfaltaranse os viarios que se abriron ao redor do centro de saúde e urbanizarase a parte frontal do ambulatorio.

Dende o Concello de Ames estase traballando para dotar á parcela do centro de saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado e telefonía. O primeiro que fixo o Concello foi habilitar dous viarios ao redor do centro de saúde no pasado ano 2019: un que vai dende Travesía de Porto ao cruce de Agro do Medio con Agro da Madalena e outro que dá continuidade a rúa das Camelias. Tamén se dotou á parcela do servizo de saneamento e abastecemento de auga.

Agora, unha vez que a Xunta de Galicia atendeu a solicitude do Concello para a retirada do valado de obra, dende a semana pasada estanse executando os traballos necesarios para dotar ao novo ambulatorio de subministración eléctrica e telefonía. Os traballos da acometida eléctrica e telefónica están sendo executados pola empresa Iglesias Mera, mentres que os traballos para instalar a rede de gas serán realizados pola empresa comercializadora de dito servizo.

Tamén se vai instalar un tubo poroso, por un lateral da parcela, para recoller as augas pluviais, que se se recollerán pola parte traseira da parcela co obxectivo de as pluviais teñan un correcto desaugue. Unha vez finalizados estes traballos asfaltaranse os viarios que se abriron ao redor do centro de saúde e urbanizarase a parte frontal do ambulatorio.

Esta mañá, o alcalde de Ames, Jose Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e o representante da empresa Iglesias Mera, achegáronse á parcela onde se está executando o novo centro de saúde do Milladoiro, para ver de primeira man como se están desenvolvendo os traballos para a instalación das redes eléctrica e de telefonía.

O alcalde sinalou que “é unha magoa non poder dar cumprimento a estas obras moito antes, tal e como foi solicitado xa no pasado mes de agosto de 2019, e que ante a falta do proxecto da acometida por parte da empresa que está a facer a obra, non puido facerse antes. Desde o Concello, aos dous días da retirada do valado, xa estamos traballando, pero haberá que esperar a realizar a acometida do gas polo atraso do proxecto”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos tamén apuntou nesta liña. “Dende o Concello comezamos os traballos que nos correspondente, en cato as obras do centro de saúde nos permitiron acceder á parcela, para podes desenvolver os compromisos municipais reflectidos no convenio”, manifestou Blas García.

Novo centro de saúde do Milladoiro
O novo centro de saúde do Milladoiro está composto basicamente dun andar, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén un andar -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O novo centro de saúde contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería, unha para farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras tres salas polivalentes. Polo que atinxe a área pediátrica, terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde.

O centro terá, así mesmo, unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social e unha área de persoal, e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. O proxecto de construción propón un esquema de espiña de peixe, con patios arborizados, o que permite unha boa disposición, garantindo ventilación e iluminación natural en todas as dependencias, á vez que optimiza os percorridos de circulación.

Este novo centro atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños e veciñas de Ames.

A previsión inicial de apertura deste novo centro de saúde estaba para o pasado mes de novembro de 2019, pero atrasos e parálises na obra ao longo do pasado ano, levaron a que sete meses despois aínda non estea rematado o mesmo.

O rexedor municipal explica que “na visita de hoxe puidemos comprobar que aínda hai operarios facendo traballos nos exteriores do centro e ocupando os viarios, polo que tampouco sería posible levar a cabo o asfaltado cos camións polo medio. Desde o Concello seguimos a solicitar que se terminen con todos os traballos de acondicionamento para poder traballar coa eficacia necesaria sen paso continuo de operarios e camións”.