O Concello estuda un Plan de reactivación económica

234

Ante o clima de incerteza xerado pola situación económica actual, en plena crise da Covid-19, e coa incógnita de saber o alcance final e a repercusión que terá en cada sector, o Concello de Ames vén de contratar unha asistencia técnica que permita realizar unha análise previa da situación real no municipio e das medidas a implantar, de cara a establecer un plan de choque co obxectivo de reactivar a economía local no menor tempo posible. O parón na actividade económica, a abundante normativa que se está producindo e os problemas de liquidez a curto prazo, están xerando unha gran incerteza nas empresas, autónomos e traballadores. Ante este escenario, o Concello de Ames prepara respostas locais co obxectivo de establecer medidas complementarias ás medidas legais e económicas adoptadas polos gobernos central e autonómico.

O Plan de Acción incluirá tanto medidas a implementar durante o estado de alarma como o deseño de medidas a realizar unha vez finalizado o mesmo de forma inmediata, axudando así ao tecido empresarial local e á cidadanía afectada laboralmente á recuperación da crise económica provocada pola Covid-19.

Estamos ante unha situación sen precedentes no ámbito da saúde e camíñase cara un escenario económico e empresarial difícil. Neste clima, o Concello de Ames vén de contratar unha asistencia técnica que permita a implantación dun Plan de reactivación económica.

No momento actual, en pleno estado de alarma, a través de medidas de información e asesoramento ao sector empresarial local, deseñando un plan de choque con medidas que contribúan a reactivar a economía. Con posterioridade, unha vez finalice o estado de alarma, implementando o plan de choque para así contribuír a reactivar a economía local no menor tempo posible, apoiando procesos de orientación e inserción laboral para os traballadores/as que perderan o seu emprego.

Creación dun espazo web informativo
O Plan de reactivación económica para Ames articúlase en dúas liñas. A primeira é a posta en funcionamento dun espazo web informativo onde se recolla toda a información de interese para os afectados, desde normativa vixente, noticias, modelos e plantillas e onde se levarán a cabo webminars para as persoas ou entidades implicadas. Con esta web terase a información centralizada e poderase difundir a información máis adaptado ao ámbito local, dun xeito máis directo, e onde a información será algo prioritario.

A segunda liña establece a realización do plan de choque. A asistencia técnica colaborará co Concello, no deseño deste plan de choque específico para axudar ás PEMES e autónomos do municipio máis vulnerables ao impacto da crise e a mitigar os seus efectos. Este plan estudará as medidas no eido tributario, así como aprazamentos no cobramento ou a posibilidade de implantar ou da ampliación de axudas económicas directas.

Medidas concretas
O Plan de reactivación económica terá en conta as situacións particulares das PEMES e autónomos que tiveran que paralizar a súa actividade dunha maneira sensible ou que acrediten unha determinada caída de ingresos, ofrecendo programas específicos por tipoloxía de actividade (comercio, hostalería, actividades produtivas etc.) ou polo nivel de impacto no que limitase a súa actividade, ofrecendo un paquete de medidas urxentes para aqueles sectores ou empresas afectados e de xeito complementario ao do resto das administracións.

O obxectivo do Concello é abrir o plan á participación de asociacións de empresarios e empresas con reunións de carácter virtual co obxecto de recoller as achegas que queiran facer. A posta en marcha do plan de choque unha vez finalizado o período de alarma sanitaria permitirá axudar a paliar as consecuencias económicas e sociais que se xeren por causa de dita situación, coa implementación de medidas concretas que contrarresten os efectos da crise sanitaria no emprego, nas PEMES e autónomos a todas as escalas.

O plan de choque pretende tamén axudar na necesaria revisión dos orzamentos municipais, de cara a adaptalos ás novas necesidades de recuperación económica e social.

Documento aberto e temporizado
Desde o Concello sinálase que este plan de choque será un documento aberto e temporizado, que incorporará medidas en base ás necesidades que vaian xurdindo ao longo do tempo. Estímase, así, a posibilidade de realización dun Plan de emprego local específico que teña por obxecto prestar axudas de asesoramento e formación aos traballadores/as que perdan o seu emprego ou cesen a súa actividade como autónoma/a como consecuencia da crise da Covid-19; e un Plan de emerxencia social no que se aborde un protocolo para que as axudas económicas directas (familiares, de emerxencia e alimentación) non so cheguen aos usuarios/as dos centros sociais, senón que se fagan extensivas a novos casos que os Servizos Sociais comproben que están en especiais circunstancias de vulnerabilidade.

O alcalde de Ames, José Miñones, sinala “a importancia que ten que todas as medidas que se poñan en marcha vaian coordinadas co resto de medidas do Estado é da Xunta, de cara a non solapar accións e tratar de ser o máis eficientes posibles. Non son tempos de correr, senón de planificar ben”.