O Concello intenta reverter o peche do Sabadell do Milladoiro

182

O recente peche da oficina do Banco Sabadell no Milladoiro motivou unha reunión que tivo lugar onte, xoves 21, entre o Concello e representantes desta entidade bancaria. A xuntanza tivo lugar un día despois de que o alcalde de Ames, Blas García, solicitara por carta unha reunión coa dirección da sucursal do Banco Sabadell Gallego de Bertamiráns e con representantes do banco, co fin de esclarecer cales foron os motivos polos que a entidade procedeu ao peche no Milladoiro. García lembrou que se trata dun núcleo de poboación que “medra ano tras ano e que aglutina tamén gran parte do tecido empresarial amesán”.

Durante o encontro, o Goberno Local mostrou o seu desacordo coa decisión tomada pola entidade bancaria no Milladoiro e pediu que se reconsidere polo peso económico desta poboación no conxunto de Ames. No Milladoiro hai unha grande cantidade de empresas que operan dende o polígono do Novo Milladoiro e no seu propio núcleo, ademais de contar con máis de 13.300 veciños, sendo a vila máis grande de Ames e vivindo dende hai anos unha notable expansión. O alcalde aproveitou a reunión para amosar a súa preocupación, máis alá deste caso concreto, “pola política xeralizada de peches e recortes na atención presencial do sector, o que provoca que certos colectivos non poidan acceder a este servizo básico para a cidadanía”. Asegurou García que o goberno local estará ao carón da cidadanía “apoiando calquera iniciativa para reverter o peche e os recortes neste tipo de servizos”.

Por parte do Concello estiveron presentes na reunión, ademais do propio alcalde, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e a tesoureira municipal. Pola banda do Banco Sabadell, acudiron o seu xefe de zona e o director da sucursal de Bertamiráns, Rubén Villar. Estes últimos alegaron na xuntanza que decisións coma esta non dependen das direccións locais e rexionais, o que parece suxerir que a decisión será firme e o Milladoiro perderá definitivamente este servizo.