O Concello pavimentará 19.000 metros cadrados do Milladoiro para mellorar a seguridade viaria

O Milladoiro será obxecto de obras de pavimentación en varias rúas para mellorar a seguridade viaria. O Concello destinará ata 300.000 euros para estes traballos, a desenvolver nos próximos meses. A intervención inclúe a rúa de Agro do Medio, a do Rego, a de Abaixo e mais a do Muíño Vello. En total, pavimentaranse case 19.000 metros cadrados, grazas ao POS+2022 da Deputación.

O alcalde, Blas García destaca que “o Milladoiro é o núcleo máis poboado e importante do noso concello, por iso seguimos traballando para mellorar as comunicacións, pero tamén realizando proxectos para convertelo nun núcleo máis verde, sostible e humanizado”. Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca a importancia desta obra e recorda tamén os “máis de 120.000 euros investidos en eficiencia enerxética no polígono do Novo Milladoiro e entorno, así como os preto de 145.000 euros dos percorridos medioambientais”. Nieto destaca que “o investimento neste territorio debe ser continuo”.

No tocante á eficiencia enerxética, o Concello acolleuse ao programa POS+2022 e a axudas autonómicas para mellorar a do polígono do Novo Milladoiro e a súa contorna, alén de varias instalacións municipais. Cun investimento de 120.000 euros, o Concello salienta o aforro conseguido grazas ás luces LED.

Outra actuación destacada no núcleo do Milladoiro é a dos percorridos ambientais presentados na zona sur. Cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, permitiu adaptar e mellorar os espazos verdes que xa existían no Milladoiro, afirma o alcalde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *