O concello pedirá á Xunta incluír no Transporte Metropolitano a liña Santiago – Ortoño que Compostela deixa de cubrir

280

O 23 de decembro de 2020, entran en vigor as novas liñas de transporte metropolitano que foron licitadas ao longo deste ano 2020. As novas adxudicacións levarán cambios significativos nos horarios e frecuencias, moitas delas a solicitude do Concello de Ames, tales como a posta en funcionamento de novas frecuencias a primeira e última hora do día, a ampliación da conectividade do parque empresarial do Milladoiro ou a posta en marcha do noite bus ou de novas frecuencias nos fins de semana.

A nova reformulación da mobilidade interna que realiza o Concello de Santiago traslada a parada da rúa da Rosa ao Hórreo, xunto á dársena da futura estación intermodal e que permitirá a conectividade co tren e a futura estación de autobuses. Dito cambio consta xa nas listaxes de horarios que se poden observar en www.bus.gal, ou nas propias compañías de transporte.

Liña Ortoño – Estación de autobuses

Ademais, informouse ao Concello de Ames de que dende o Concello de Santiago deixarase de prestar o servizo correspondente á liña que conectaba Ortoño coa estación de autobuses de Santiago por resultar moi deficitaria. Dita liña formaba parte do transporte urbano de Santiago e era cofinanciado a través do transporte metropolitano pola Xunta de Galicia, naquel tramo que transcorría polo concello de Ames. 

Desde o Concello de Ames leva solicitándose a ampliación desta liña ata o núcleo de Bertamiráns de cara a buscar un mellor rendemento da mesma e ampliar o número de usuarios/as. Ata o momento a liña chegaba ata a parroquia de Ortoño, dando volta á altura da Igrexa e sen chegar a recoller viaxeiros na propia urbanización Agro do Muíño, o cal desde o Concello foi demandado en varias ocasións.

A liña XG8071401 do Milladoiro a Bertamiráns permitirá a conectividade coas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído cos núcleos urbanos e a súa posterior conexión con Santiago, a través das frecuencias diarias desde as 8:30 horas dirección Bertamiráns, ata as 20.00 horas. 

Nas fins de semana esta liña incrementou o horario de cara a permitir unha mellor conectividade destas parroquias cos núcleos, con tres horarios de ida cara Bertamiráns antes do xantar, ás 13.00 horas, a media tarde, ás 18.00 horas, e a última hora da tarde, ás 20.00 horas, e con horarios dirección O Milladoiro ás 12.00 horas, 16.00 horas e 19.00 horas. 

O Concello de Ames solicitará á Xunta de Galicia a recuperación da liña de Ortoño a Santiago como parte do transporte metropolitano coas mesmas condicións de pago que o resto das liñas de dito transporte e ampliando o servizo ata o núcleo de Bertamiráns para así conseguir unha mellor mobilidade das parroquias, tanto con Santiago de Compostela como co centro de Bertamiráns.

Xuntanza do goberno coas asociacións de veciños e veciñas afectadas

Nos vindeiros días desde a alcaldía convocarase unha xuntanza coas asociacións de veciños e veciñas de Ortoño, Bugallido e Biduído, xa que son os lugares polas que pasaba esta liña que agora quedou sen servizo (Ortoño, O Santo, Ortoñiño, Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil, Costoia, Fraíz e Casaliño) e que leva máis de catro décadas prestando servizo a estas parroquias. O obxectivo é realizar un traballo conxunto entre a veciñanza e a Administración local para conseguir o restablecemento e mellora do servizo de transporte.