O Concello propón beirarrúas anchas e paseos transitables para a N-550

182

Cada vez se concreta máis o proxecto de humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Para os peóns recibe o nome de Avenida Rosalía de Castro, e cada vez se achega máis o momento en que sexa totalmente merecedora de tal nome, co aumento dos espazos para pasear e acudir aos establecementos desta longa rúa. Segundo está proxectado, os actuais catro carrís de circulación de vehículos pasarán para isto a ser unicamente dous, separados por unha mediana ampliada que albergará novas zonas verdes, entre outros moitos cambios.

A humanización desta avenida era algo que a veciñanza da vila viña tempo reclamando, segundo indica o propio estudo técnico encargado polo Concello. O tráfico de vehículos nela é de case 30.000 diarios, aínda tendo en conta que hai anos que se desviou a meirande parte do tráfico pesado pola autovía de Santiago-Brión, a AG-56, por As Galanas para aliviar a situación. O bo funcionamento deste desvío sen maior incidencia ata o momento invita a ser optimistas de cara a pensar nas alteracións no tráfico que provocará o proxecto, no que están contemplados varios mecanismos para que dito impacto sexa o mínimo posible tanto mentres duren os traballos coma posteriormente.

O Concello de Ames comezou en decembro do ano pasado a estudar as alternativas para a reordenación do paso da N-550 do Milladoiro, conscientes da problemática que ocasionaba a veciños e veciñas o efecto barreira provocado na vila polos numerosos coches que circulan por ela. Nunha reunión entre o Concello, o delegado do goberno en Galicia e exalcalde de Ames, José Miñones, e a Secretaria de Estado de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, esta última recalcou a importancia da humanización prevista para a vila. Co estudo xa dispoñible, xa puidemos coñecer que a obra terá un custo aproximado total de entre 8 e 13 millóns de euros.

O proxecto parte da premisa de priorizar a mobilidade peonil, coa fin de que a veciñanza poida desfrutar desta avenida sen as inconveniencias e os riscos que supón para isto o voluminoso tráfico rodado da mesma. Así, aumentará o tamaño das beirarrúas e se crearán zonas verdes, en detrimento dos carriles de circulación e tamén das prazas de aparcamento. Ditas prazas serán suprimidas, aínda que se manterán espazos para parar e realizar labores de carga e descarga intercalados con nova vexetación.

Así, aos 4 metros de ancho de cada beirarrúa haberá que sumar os 2,5 destes espazos, e, ademais, a mediana será ampliada a outros catro metros para poder albergar a zona axardinada, na que se alternarán tramos non transitables da mesma con outros transitables. Os carrís da estrada, pola súa banda, terán unha anchura de 3,25 metros.

A velocidade da circulación verase adaptada tamén ás novas características da vía, para axustarse a velocidade habitual actualmente en zonas urbanas. Porén, os coches que non decidan tomar as alternativas previstas no seu paso pola N-550 tamén terán unha vantaxe con este novo proxecto antes inexistente, pois vanse habilitar dous puntos máis para cambiar de sentido, algo que ata o momento só se podía facer nas glorietas situadas ao principio e ao final do traxecto completo.

Un destes puntos será unha glorieta convencional, mentres que outro será unha calzada anular, na que só poderán cambiar de sentido vehículos lixeiros e furgóns, e non poderán facelo autobuses ou camións, que terán que agardar ás glorietas. Con esta engádega, poderá realizarse un cambio de sentido aproximadamente cada 500 metros, en contraposición co kilómetro e medio que había que percorrer anteriormente.

En todo caso, este proxecto de humanización non será unha mera reordenación dos espazos, senón que virá acompañada dunha renovación completa das instalacións da Avenida. Anovarase totalmente a rede de saneamento, abastecemento e alumeado público; completarase o soterramento da rede de servizos de telecomunicacións e electricidade, que aínda consta dalgúns tramos aéreos; e realizaranse actuacións puntuais e localizadas na rede de gas alá onde sexa requirido.

Tamén se pavimentarán de novo as beirarrúas e carrís de circulación e mudará o mobiliario urbano, creando un itinerario peonil onde o espazo para pasear non sexa inferior a 4 metros de ancho, agás tramos moi localizados. Crearanse tamén espazos de descanso e esparcimento para os viandantes, farase unha nova rede para a evacuación da auga da choiva, e se adaptará a sinalización vertical e horizontal da vía ás novas circunstancias.

Outra mellora prevista polo plan estará na redistribución máis eficiente dos pasos de cebra para evitar cruces indebidos dos peóns, e, a pesar de que non se poderá invadir o carril do sentido contrario por parte dos vehículos, habilitaranse na mediana central puntos que permitan que esta sexa remontada en caso de avaría ou accidente, para evitar que se produza un embotellamento nestes casos.

Con todos estes cambios, entre outros de menor entidade previstos polo estudo, a Avenida Rosalía de Castro pasará a ser un espazo máis agradable, pensado principalemente para o seu uso por parte dos peóns, cos seguintes niveis de prioridade ocupados respectivamente polos ciclistas e polo transporte público. Será tamén un espazo máis verde, tanto pola inclusión de zonas axardinadas como polo menor tránsito de vehículos, e cunha imaxe e uns servizos totalmente renovados e mellorados. Preténdese así dotar a unha vila crecente coma o Milladoiro, e ao conxunto do concello de Ames, do tipo de espazos urbanos cara os que avanzan os principais municipios na actualidade.

O custo estimado da humanización depende principalmente de se a sustitución e renovación dos servizos da rúa se realiza de xeito tradicional ou se se crea unha galería de servizos que permita, segundo o estudo, a integración das instalacións urbanas para lograr unha mellor explotación e mantemento. A diferencia estimada entre as dúas opcións é a existente entre os 7,878.556,84€ da primeira e os 13.050.389,66€ da segunda. En todo caso, o propio estudo admite que se trata dunha valoración cun criterio conservador e que máis adiante comprerá definila máis pormenorizadamente, dado o seu carácter preliminar.

En conclusión, o proxecto de humanización que xa está nas máns das administracións deixa cada vez máis preto a renovación da principal arteria do Milladoiro, poñendo en valor a vila coma o núcleo de poboación de máis de 13.000 habitantes que é.