O Concello sinala a Xunta pola falta de avances nas obras do centro de saúde en Bertamiráns

362

Dende o Concello de Ames acaban de enviarlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para coñecer o motivo polo que non se iniciaron as obras de reparación e mantemento do centro de saúde de Bertamiráns, que foron adxudicadas á empresa Construcciones y Proyectos Abilleira SL, por un importe de adxudicación de 304.481,50 euros (IVE incluído). O contrato de dita obra foi formalizado o pasado 15 de outubro de 2020. Tanto para o Concello de Ames como para os propios profesionais e usuarios/as é imprescindible contar con esta mellora, tal e como se estivo demandando nos últimos anos, e máis se cabe na situación sanitaria actual.

A comezos do pasado mes de outubro de 2020 a Xunta de Galicia adxudicaba o contrato a través do cal se van executar obras de reparación e mantemento do centro de saúde de Bertamiráns. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones y Proyectos Abilleira SL, por un importe de adxudicación de 304.481,50 euros (IVE incluído). Unha vez adxudicado o contrato o pasado 15 de outubro de 2020 formalizábase o contrato coa empresa adxudicataria.

A pesar de que xa pasaron catro meses dende a adxudicación do contrato as obras aínda non comezaron, polo que dende o Goberno municipal de Ames acaban e remitir unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, preguntando polo motivo do atraso no inicio destas obras tan necesarias. Tal e como aparece recollido na Plataforma de contratación do Estado, a adxudicación desta actuación data do pasado mes de outubro, con reserva de crédito por parte da Xunta de Galicia no mesmo ano 2020.

Desde o Goberno municipal destacase que “sería moi positivo que as melloras se levasen a cabo canto antes, aproveitando que o propio centro de saúde nestes tempos de pandemia conta cunha menor afluencia debido á prioridade que se lle está a dar á atención telefónica. Deste xeito, si o inicio das obras dese comezo nas vindeiras datas, podería continuar prestándose a atención médica sen que o funcionamento habitual se vise altamente alterado”.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, sinala que “na inauguración do novo centro de saúde do Milladoiro, no pasado mes de xaneiro, os representantes da Xunta de Galicia informáronos de que as obras do centro de saúde de Bertamiráns estaban en fase de licitación, cando xa estaban adxudicadas. Preocúpanos a falta de información dos propios dirixentes do Goberno autonómico. En calquera caso o que pedimos é que as obras comecen o antes posible xa que van con atraso”.

Características das obras
Ditos traballos consistirán na substitución da cuberta e lucernario actual por unha cuberta de panel sándwich e a colocación de tubos solares para iluminación en substitución do lucernario. Tamén se vai remodelar a área de recepción, para deixar máis espazo libre no primeiro andar, e ampliar o seu acceso. Ademais, colocarase unha porta corredoira para independizalo do PAC e modificar a zona de acceso.

No proxecto técnico tamén se contempla o pintado exterior e interior da edificación; a substitución das luminarias incandescentes e fluorescente actuais e os seus mecanismos, por luminarias de tecnoloxía de alta eficiencia, con regulación do nivel de iluminación e integradas nun sistema xeral para programación horaria; e maila adaptación da instalación de carga de gasóleo á normativa actual.

Por último, substituirase a porta exterior de acceso á sala de caldeiras; retiraranse as persianas metálicas e procederase á eliminación das caixas de persiana; repararanse as ventas de aluminio existentes e colocaranse estores nas ventas. Tamén se fará unha disposición de trasdosado e falsos teitos en zonas puntuais e maila reparación do pavimento na zona exterior.

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, indica que “agardamos que as obras comecen o antes posible porque son unhas melloras moi necesarias que levamos demandando dende o Concello e o propio centro de saúde dende hai anos, xa que este centro de saúde non se volveu a reparar dende a súa inauguración no ano 1991. Co paso do tempo e o crecemento poboacional de Ames facíase imprescindible executar obras de de mantemento e de reestruturación dos espazos, para que os traballadores/as poidan desenvolver o seu traballo en condicións óptimas e se presten as atencións e servizos aos usuarios/as con calidade. Non é de recibo que nas circunstancias nas que nos encontramos e en pleno inverno, se teña que habilitar unha carpa para poder atender aos usuarios/as”.