O Consello Sectorial de Nenos e Nenas botará a andar a finais de novembro

205

Ames aprobou por unanimidade no seu pleno de outubro o regulamento para o Consello Sectorial de Nenos e Nenas, finalizado o tempo de exposición pública e alegacións. O Consello constituirase o 20 de novembro, segundo anunciou a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo. A concelleira manifestou que “o regulamento, que estará aberto e poderá modificarse, quere converterse nun órgano no que os nenos e nenas poidan ter voz e participar na configuración de proxectos e actividades municipais”. Feijóo anunciou os centros escolares de Ames xa están comunicando ao concello os nomes dos rapaces e as rapazas que suxiren como representantes.

Outro asunto que tamén foi aprobado por unanimidade foi a ratificación do decreto da alcaldía 3260/2021 do 15 de outubro, de Participación na 2ª fase do Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan ünico de Concellos) Adicional 2/2021 da Deputación de A Coruña. A proposta de participación deste plan faise mediante o proxecto das Obras Camiño en Barouta e outros. O importe total é de 22.718,96 euros (IVE incluído).

Toma de posesión de Pablo Beiroa
Rodeado de familiares, compañeiros e amigos que se sentaron nas cadeiras do Salón de Plenos destinadas ao público, Pablo Beiroa Pampín, tomou posesión da súa acta de concelleiro, Pablo substitúe nas filas do PP a Ramón Argibay, voceiro do partido até a súa renuncia no pleno do mes de setembro.

Concelleiros e concelleiras de todos os partidos deron a benvida ao novo edil e manifestaron a convicción de que o seu traballo “aportaría moitos beneficios á vida municipal”. Ademais gabaron a súa xuventude como un valor que “traerá frescura e sabia nova á corporación” e aplaudiron a súa valía e o seu currículo profesional. A voceira do Partido Popular, Oliva Agra agradeceu ademais “todo o traballo que de xeito altruísta levas facendo nos últimos anos con nós”.

Pablo Beiroa, natural de Biduído, ten 25 anos. Rematou a carreira de dereito con Premio Extraordinario e foi presidente local e comarcal de Novas Xeracións entre os anos 2016 e 2019. Durante o mesmo período representou ao Partido Popular de Ames nos “Espazos Políticos” da emisora municipal. Na actualidade prepara oposicións para avogado da Xunta de Galicia.