José Ramón Gómez Besteiro levou hoxe a cabo a súa primeira visita institucional a Ames como delegado do goberno en Galicia. Besteiro foi recibido na Casa do Concello polo alcalde e concelleiros da corporación, nunha visita que incluíu o paso pola depuradora de Sisalde para coñecer as carencias dunha infraestrutura que quedou pequena para o municipio. O encontro serviu para repasar os proxectos conxuntos entre o Estado e o Concello, en aspectos como a transición enerxética e a mobilidade sostible.
Blas García aproveitou a visita para pedir a colaboración do Goberno en asuntos que requiren dun pulo como a humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro ou a mellora da intersección da estrada N-550, no quilómetro 67,150, coa estrada SC-20 que se vai executar na rotonda de entrada ao Milladoiro.
Tamén se tratou a posible creación dunha Oficina para a Xestión e Apoio de Comunidades Enerxéticas. O alcalde de Ames lembrou que existe unha partida no Orzamento de 2023 para a posible creación desta oficina que permitirá á veciñanza asociarse á comunidade enerxética.
Gómez Besteiro agradeceu o recibimento e manifestou que o proxecto de humanización do Milladoiro é practicamente unha realidade, dado que está a piques de se licitar. Salientou que Ames é un concello de poboación moza e moi dinámico.
Visita á EDAR
Posteriormente, o delegado do Goberno en Galicia e mailo alcalde de Ames, acompañados da concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís, e do concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, achegáronse ata as instalacións da depuradora de Sisalde. No lugar reuníronse co director xeral de Espina y Delfín, Alejandro Amoedo, co administrador solidario da empresa, Óscar Rodriguez, co director de servizos, Juan Somoza, e co director comercial, Alejandro Castro.
Blas García sinalou durante a visita que Ames sofre dende hai tempo problemas con esta infraestrutura. Na época de Alberto Núñez Feijoo á fronte da Xunta existiu un compromiso de proxecto de ampliación que polo de agora non se fixo realidade. O rexedor referiuse á posibilidade de captar fondos europeos para esta ampliación.
A EDAR de Sisalde presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 cunha poboación de 10.400 habitantes en mente. Xa no ano 2007, segundo a empresa concesionaria do ciclo integral da auga, daba servizo a 18.000. En 2017 a cifra elevouse aos 23.500. Hoxe en día supera en 14.000 os usuarios previstos.
O Concello de Ames recada anualmente 400.000 euros, a través do canon de saneamento, para a Xunta de Galicia, segundo explicou o alcalde. Isto quere dicir que nos últimos oito anos se recadaron máis de tres millóns de euros. “Unha vez máis solicitámoslle á Xunta que elabore un proxecto de ampliación da dita depuradora, algo que xa se lle solicitou en reiteradas ocasións”, reclamou o alcalde. “Nós dende o Concello queremos colaborar buscando fondos para este proxecto, pero para iso necesitamos coñecer a contía do proxecto de ampliación da EDAR”, aseverou.