O Día de Galicia en Ames recoñece o catedrático Ramón Lorenzo

263

O luns 26 de xullo terá lugar o acto do Día de Galicia en Ames. Será ás 20:30 no Pazo da Peregrina, contando este ano co protagonismo do amesán e estudoso da lingua galega Ramón Lorenzo. Lorenzo, nacido en Eirapedriña -Bugallido- en 1935, é membro da Real Academia Galega, cofundador do Instituto da Lingua Galega e catedrático da Universidade de Santiago, o que o converte nun dos máis destacados coñecedores da lingua e literatura galega. O seu compromiso e entrega co noso país valéronlle para facerse con varias distincións e recoñecementos, entre os que, destaca o premio Trasalba que outorga a Fundación Otero Pedrayo, o Premio Brais Pinto ou a distinción como Galego Egrexio da Fundación Premios da Crítica Galicia.

O catedrático estará acompañado pola súa familia. Especialmente emotivo será o momento en que a súa filla e o seu neto pronuncien unhas verbas. O acto do Día de Galicia contará, ademais, coa presenza do alcalde, dos membros da corporación municipal e dos voceiros de cada un dos grupos con representación no concello. Haberá unha intervención institucional de cada grupo municipal e o peche correrá a cargo do Grupo Barahúnda.