O DOG publica a declaración de Ferreiros (Agrón) como aldea de utilidade pública e interese social

240

A aldea de Ferreiros, en Ames, vén de ser declarada de utilidade pública e de interese social pola Consellería do Medio Rural xunto á de Soutogrande, en Vilariño de Conso, e Cortegazas, en Avión (ambas en Ourense). Trátase da segunda serie de aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lles aplica esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos. O decreto foi publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de 8,55 hectáreas, con 128 parcelas que pertencen a 52 titulares. O seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, definindo os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que se sumen ao Banco de Terras de Galicia.

As aldeas modelo son unha das principais figuras de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria, xunto cos polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta. En total, actualmente hai 21 aldeas declaradas en Galicia, para recuperar case 600 hectáreas distribuídas en máis de 9.000 predios de máis de 2.000 titulares.

Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.