O equipo “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, volve gañar a final do Club de Debate

200

O pasado sábado, 3 de xuño, celebrouse na Casa da Cultura de Bertamiráns a final da décimo primeira edición do Club de Debate Alingua. Nesta última sesión competiron seis equipos, formados por rapazada de secundaria e bacharelato de distintos institutos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol e Ames. O alumnado debateu sobre o tema “A mocidade renuncia ao galego?”, defendendo e argumentando posicións a favor e en contra, para tratar de conseguir a máxima valoración do xurado. En representación do concello amesán participaron un equipo do IES do Milladoiro, “Xente que fala”; e outro do IES de Ames, “Ames a palabra”. O primeiro deles, “Xente que fala”, foi o gañador desta edición, logrando facerse co posto por segundo ano consecutivo, con 324 puntos. 

“Xente que fala”, do IES do Milladoiro, está formado por Diego Madarnás Iglesias, Mario Campos Alonso, Javier Conde López, Óscar Pin González, Andrea Caramés Guerra e Sara Antón Vázquez. A preparadora encargada de guiar á rapazada durante o seu paso polo Club de Debate foi Valentina Formoso. A docente, coordinadora do equipo de Normalización da Lingua do instituto amesán, foi a encargada de dirixir ao grupo e de colaborar na preparación dos debates.

Ao longo da xornada, na que se celebraron seis debates, cada un dos equipos finalistas, procedentes dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol e Ames, debeu argumentar a favor e en contra do tema escollido para a final: “A mocidade renuncia ao galego?”. Para formular as puntuacións, o xurado valorou elementos como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a seguridade, a capacidade de oratoria e de improvisación, o traballo en equipo ou a calidade lingüística.

Nesta final formaron parte do xurado Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística de Carballo; Alberto Ramos, especialista en comunicación, xornalista e escritor; Rocío Loureiro, licenciada en Filoloxía Galega e colaboradora en anteriores edicións do certame; Marta Estévez, investigadora María Zambrano na USC, tradutora e especialista en mediación lingüística; e María Caamaño, profesora de Ciencias da Educación da USC, especialista en expresión dramática e oralidade.

Ao “Xente que fala” acompañouno no podio como segundo clasificado o equipo “Peripatéticas”, do IES Xulián Magariños, con 317,50 puntos; e o “Ames a palabra”, do IES de Ames, con 249 puntos, quedou na terceira posición. No cuarto posto remataron os “Falabaratos festeiros”, do IES Terra de Xallas (239,50 puntos), no quinto o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (225,50 puntos); e no sexto, o IES de Canido (218 puntos).

Club de debate
O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera nas diferentes fases e espazos da actividade. Os contidos que se traballan teñen que ver, principalmente, coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizaron esta edición son nove: Ames, Teo, Carballo, Santa Comba, Val do Dubra, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Dodro e Rois. En total, participaron 140 alumnos. Antes de disputar a final, todos os participantes pasaron por unha fase clasificatoria na que debateron sobre o tema “Somos menos sociais coas redes sociais”.