O FC Meigas, na loita polo ascenso

180

Tempada histórica para o FC Meigas. As rapazas do primeiro equipo clasificáronse o mes pasado para o play-off de ascenso á segunda división feminina española. Logo dunha brillante tempada alzáronse co campionato da Preferente Galicia tras imporse na penúltima xornada do campionato a SD Gaiola por 5-1. Sumaron 82 puntos este ano, con 27 vitorias en 29 partidos.

O ascenso desputarase contra as campeoas asturianas de Planta14 FS. O primeiro partido xógase este sábado 10 de xuño en Asturias. O de volta será o sábado 17 de xuño no pavillón municipal de Bertamiráns.

Dende o club amesán destacan “estamos ante unha gran oportunidade, e para poder loitar por este ansiado ascenso, precisamos da vosa axuda, por suposto na medida en que poidades, e así afrontar os gastos da viaxe a Asturias. Podedes colaborar facéndovos socios por 10 euros, coa doazón de calquera cantidade, ou atopando patrocinadores, non hai achega pequena todos/as sumamos”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “a gran temporada realizada polas rapazas do primeiro equipo do FC Meigas, que lle permitiu lograr o campionato da Preferente galega e que lle dá dereito a xogar o playoff de ascenso á segunda categoría do fútbol sala feminino nacional. É un orgullo para Ames contar cun club como é o Meigas  que conta cun altísimo nivel de fútbol sala feminino”.