O Goberno anticipou ao luns, 19 a presentación publica dos Orzamentos 2024 para o Concello. Segundo o Goberno local trátase dun orzamento que segue a mesma liña de orzamentos de anos anteriores, onde se blindan áreas como a educación, os servizos sociais e os servizos básicos. A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. O pasado venres, 16 de febreiro, celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas e este xoves, 22 de febreiro, haberá un pleno extraordinario para debater e aprobar de xeito inicial, se procede, dito orzamento.
Blas García dixo na presentación que “o Concello de Ames é un concellos fundamentalmente prestador de servizos. A aposta deste e de gobernos anteriores foi sempre apostar polos servizos de calidade para os veciños e veciñas de Ames, por iso o concello de Ames é o único de Galicia que ten un saldo vexetativo positivo, e é dos poucos concellos galegos que nos últimos anos medrou de maneira destacada, dobrando a súa poboación dende o ano 2000 ata a actualidade. A pesar de non ser unha competencia propia do Concello estamos investindo o 22,30% do orzamento na área de educación, principalmente en servizos de conciliación, comedores escolares, ademais doutros investimentos nos centros escolares que non son competencia directa do concello, pero aínda así apostamos por prestar estes servizos. Ademais, apostamos por outros servizos que xa comezaron a prestarse o ano pasado, e fan que se incremente o orzamento como son o servizo de xardinería, limpeza viaria que se está prestando no rural, o incremento do Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de Xantar na Casa que se vai reforzar este ano”.
Susana Señorís destacou varios proxectos que se van poñer en marcha durante este ano. “Temos unha nova empresa municipal de augas que entrará en funcionamento en abril de 2024. Imos crear un plan de saúde mental, que é unha necesidade moi importante neste concello, no que nos centraremos na atención e escoita aos veciños”. Para os maiores, Señorís anunciou un plan de Soidade 0, onde pretendemos que aquelas persoas que están soas teñan a alguén que poida escoitalos e a quen recorrer para ter unha liña directa de axuda co Concello. “Ademais, imos sacar o mantemento do alumeado público; agora mesmo todo o alumeado do concello é LED, co que somos referente en aforro enerxético, pero agora precisamos un mantemento para toda esta rede de alumeado municipal. Imos crear unha liña de axuda a deportistas de base; xa temos unha liña para os clubs e outras asociacións, e agora imos apostar por eses pequenos deportistas que están arrancando e que moitas veces non teñen os medios necesarios. Imos facer melloras na recollida do lixo, e crearemos un plan de promoción turística para poder trasladar a todo o mundo todo o que Ames pode ofrecer á contorna e aos visitantes” engadíu a delegada de Servizos Económicos.
Os Orzamentos son, en total, 32.568.424,74 euros, o que supón un incremento de 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023. Para o Voceiro do Goberno, Víctor Fernández, “son uns orzamentos históricos e ambiciosos e a través dos cales se fai unha forte aposta polo eido social e cun incremento en todas as áreas de gasto”. Para Fernández, “seguimos mantendo ese modelo de concello que se leva facendo dende o ano 2015, no que se aposta polas políticas sociais, de conciliación, de servizos básicos, ao tempo que se mantén o capítulo de ingresos sen ter que facer un maior esforzo económico en materia de impostos ou de taxas. Este orzamento vai permitir darlle un impulso importante ao concello de ames. Ademais, son uns orzamentos que se presentan en tempo e forma”.
A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. O pasado venres, 16 de febreiro, celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas e este xoves, 22 de febreiro, haberá un pleno extraordinario para debater e aprobar de xeito inicial, se procede, dito orzamento.