O Goberno responde que ao PP nunca lle gustaron uns participativos que consolidan os seus principais proxectos nos Orzamentos de 2023

172

En declaracións a AMSGO!, a concelleira de Economía, Genma Otero, encadra as críticas dos populares de Ames no seu desleixo polos orzamentos participativos desde o comezo desta iniciativa. A responsable de coordinar a elaboración do Orzamentos lembra que o borrador das contas para o ano que ven recolle moitas actuacións que corresponden aos participativos”. Un. modelo que consiste na recollida de propostas, “que se fixo ao longo destes anos e que agora se materializan e consolidan nos Orzamentos”, explica Otero.

Defende que non é certo que non haxa ningún crédito para proxectos propostos nos orzamentos participativos, “o que non hai é un crédito asignado a unha asistencia técnica” concede aos populares a titular de Economía do Goberno de Ames, a cambio repásalles a cantidade de créditos para a realización de proxectos e consolidación de iniciativas nacidos da elaboración participativa dos Orzamentos municipais. A terceira tenente de Alcalde detallou algúns destes proxectos, como a alfabetización dixital do rural, a actuación de arte mural Terra de mulleres, voces nos valos, a  mellora de seguridade viaria no rural, son exemplos de presenza dos orzamentos participativos.  

A concelleira recorda finalmente que “agora xa contamos cun regulamento de Participación cidadá no que se constituíron todos os consellos sectoriais, desde onde tamén se deseñan estas políticas participativas que teñen o seu refrexo en cada crédito que se asignan dentro da área para poder desenvolvelas. Son ferramentas que amplían ese concepto de participación da veciñanza na elaboración dos Orzamentos.