O Motoclub Ameixenda organiza o Gran Premio Concello de Ames de Supercross 2023 en colaboración co Concello e a Deputación. Esta proba da supercross Galicia League, non oficial e non federada, celebrarase o domingo 4 de xuño no circuíto SX Alex de Moure, no lugar do Vilar da parroquia da Ameixenda. Correrán 65 pilotos, incluíndo algúns dos mellores de Galicia.
A proba quere potenciar o deporte de base na modalidade do supercross e motocross. Galicia é unha potencia mundial neste deporte, e conta con dous pilotos competindo no campionato do Mundo de Motocross: Jorge Prado, actual líder do campionato, e Rubén Fernández, o terceiro mellor do mundo. Dende o Motoclub Ameixenda indican que para que pilotos como Jorge e Rubén cheguen a disputar o campionato do mundo teñen que organizarse probas como a de Ames que serven para que rapaces e rapazas se inicien neste deporte.
Esta proba forma parte dun campionato de supercross e motocross a nivel autonómico, o “Galicia League, Crono Racing”, que conta con seis probas nas que participan os mellores pilotos de supercross de toda Galicia, caso do piloto Román Pérez, que foi campión de España e Portugal.
As categorías divídense en Pro, Elite, Amateur, 85cc, 65cc, 50cc, e Féminas.
Horarios
Entre as 8:30 e as 10:15 horas da mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:00 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Ás 15:30 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.
O circuíto SX Alex de Moure dispón dunha pista de 680 metros por 6 de ancho e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Este recinto de máis de 19.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro gratuíto, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas, tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.