O IES do Milladoiro celebra o seu entroido máis internacional

227

O IES do Milladoiro acolle mañá o seu primeiro Entroido Intercultural. O obxectivo desta actividade é mellorar a convivencia e ensinar ao alumnado sobre as distintas culturas do mundo. Haberá música, gastronomía e disfraces. A actividade está organizada pola Coordinadora de Convivencia Positiva, coa axuda do profesorado, o persoal non docente, a ANPA e o departamento de mediación intercultural do Concello.

No instituto do Milladoiro hai alumnado de orixes tan diversas como Angola, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, China, Colombia, Ecuador, E.E.U.U., España, Escocia, Francia, Italia, Marrocos, México, Panamá, Perú, Portugal, República Dominicana, Suíza, Uruguai ou Venezuela. Por iso, o Entroido é percibido como unha oportunidade de xerar comunidade e aprender a comunicarse a través do respecto mutuo e a empatía.

As actividades serán de tipo lúdico-educativo, e a maiores do clásico desfile de disfraces incluirá danza grupal guiada, degustación de doces do entroido organizada pola ANPA e a exposición de doces do mundo “12 doces”. Aprenderase como se fan as arepas venezolanas, os escones de Escocia, a pastafrola Arxentina, os brigadeiros do Brasil, a paracuca de Angola, o tiramisú de Italia, o rösti de Suiza ou os buñuelos de Bolivia, entre outros moitos pratos do mundo. A maiores contarase coa colaboración da cociñeira Fátima (Fatna Ait Messaoud Boujrida), que achegará a rica cultura culinaria de Marrocos.