O local de ensaio A Factoría arrinca este 2022 con varias melloras acústicas e de illamento

305

O pasado 15 de xullo abriuse un novo prazo para que os grupos musicais de Ames que estivesen interesados puidesen solicitar a reserva do local municipal A Factoría. Despois de preto de 6 meses xa solicitaron as instalacións máis dunha ducia de grupos, que dispoñen de ata 3 horas diarias para ensaio. O horario de ensaio é de luns a domingo, en horario de 10.00 a 22.00 horas. Durante o período de Nadal, A Factoría estivo pechada ao público para executar varias melloras do local, co obxectivo de que sexa máis acolledor para os usuarios/as. Efectuáronse melloras en canto ao illamento e insonorización. Despois de executar ditas mellora o local volve abrir as súas portas este mércores 12 de xaneiro.

A Concellaría de Mocidade pon de novo a disposición dos grupos musicais do concello un equipamento municipal co obxectivo de facilitar un espazo para o ensaio musical da cidadanía do concello, fomentar a práctica musical da mocidade de Ames e contribuír a unha maior formación musical e técnica dos grupos que fan uso deste equipamento. Ademais, preténdese crear unha plataforma de encontro da mocidade para o intercambio de experiencias musicais, que promovan un ocio xuvenil creativo e organizar eventos coa mocidade e difundir entre a cidadanía os aspectos positivos da cultura musical da xente nova.

Durante as últimas semanas executáronse melloras en canto ao illamento e insonorización do local a través da colocación de illante de aluminio e pladur especial antihumidade nas paredes exteriores, lixado e pintado das salas, e colocación de rodapé especial antihumidade. Ademais, para evitar a reverberación do son, colocáronse varios paneis de absorbente acústico nas paredes exteriores, e substituíronse os paneis que estaban deteriorados nas paredes interiores por outros novos.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “dende a Concellaría de Mocidade estamos moi orgullosas da boa acollida que está tendo o uso do local por parte da mocidade amesá e que dende o Concello poidamos contribuír a impulsar e fomentar a creación musical. Dende o pasado verán, que retomou a súa andaina este local, pasaron pola Concellería de Cultura, para inscribirse no censo de artistas, e pola Concellería de Mocidade, para solicitar o uso da Factoría máis dunha ducia de grupos. Animamos a toda a mocidade do concello con inquedanzas musicais a que se sume ao proxecto, para pouco a pouco ir medrando e creando canteira musical en Ames”. Tal e como indica a concelleira, dende que a mediados do pasado mes de xullo se retomou a actividade na Factoría un total de 13 grupos musicais solicitaron o uso deste local de ensaio. Os estilos musicais dos grupos que están usando estas instalacións son variados xa que van dende a música tradicional, o pop rock, o blues, o swing/jazz, etc.

Segundo destaca Pampín, “polo de agora imos no bo camiño. É de salientar a boa labor dos grupos, xa que o edificio é autoxestionado, eles son os responsables de que a sala estea en boas condicións para que todos poidan convivir e os materiais non se estraguen. Estamos moi satisfeitas do bo uso que están facendo do mesmo”. Tralos traballos de mellora executados no local durante as últimas semanas, este mércores 12 de xaneiro, retómase a actividade. Dende Mocidade indican que seguirán apostando por mellorar as condicións do local e ao longo deste ano 2022 intentarase dotalo con novo equipamento. Pampín e maila técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil Pili Villaverde estiveron na Factoría vendo as melloras feitas no local.  

Para poder reservar o local, polo menos, un dos/as seus/súas integrantes debe estar empadroado en Ames e o grupo debe estar dado de alta no censo municipal de artistas do concello. O horario do local de ensaio será o solicitado polos grupos musicais entre as 10.00h e as 22.00 horas, sempre e cando non estean organizadas outras actividades, polo propio Concello. Unha vez enviada a solicitude, a Concellería de Mocidade entregará á persoa solicitante unha autorización do uso das instalacións indicadas, na que figurará o nome do grupo solicitante, o nome do seu representante, o seu DNI, relación das persoas que compoñen o grupo, días e horas nas que está autorizado o uso dos locais e a sala a utilizar, etc. Os grupos interesados en seguir ensaiando na Factoría deberán renovar a solicitude anualmente. Calquera dúbida ou consulta poden contactar co departamento de Mocidade no correo electrónico omix@concellodeames.gal.