O vindeiro luns, 17 de novembro, ás 19.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a estrea de “Promover o galego dende o local”, un documental sobre programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as diversas iniciativas que se desenvolven en Ames para impulsar e promover o uso do galego a través de diferentes proxectos como o Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.
O documental conta coa participación do alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e a técnica do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde.
Tamén participaron Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.
O proxecto audiovisual ten unha duración de 37 minutos. A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey. Da dirección, guión e produción ocupouse Ana Viqueira, mentres que da realización encargouse Martín Rodríguez e Diego Frey. Manuel Expósito realizou traballos de axudante de realización e da edición e montaxe ocupouse Martín Rodríguez. O deseño de grafismos e creatividades foi traballo de Roi Barros; e os operadores de Cámara e iluminación foron Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez e Manuel Expósito. Ademais contouse con imaxes de dron grazas ao traballo de Pio Cribeiro, e a locución de voz en off fíxoa Xiana Arias.












