O mercadillo de Bertamiráns volve á rúa do Ameneiral dende este sábado 16 de decembro

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que o mercado de rúa de Bertamiráns volve ao seu espazo habitual, na rúa do Ameneiral, dende este sábado 16 de decembro. Na actualidade dito mercado conta con 52 postos. Ademais, existen 24 solicitudes para instalar novos postos. Grazas ás obras de humanización na rúa do Ameneiral está previsto que se poidan ir incrementando, de xeito progresivo, o número de postos no mercado de rúa.Unha vez finalizadas as obras da Améndoa central de Bertamiráns, o mercado de rúa volve dende este sábado, 16 de decembro, a súa localización habitual na rúa do Ameneiral.

Debido a que na rúa Entrerríos, lugar onde tamén se instalan postos do mercado de rúa, se están realizando obras de humanización, que neste caso non forman parte da EDUSI Impulsa Ames, algúns dos postos instalaranse na praza do Concello de xeito provisional, para cando sexa posible volver á rúa Entrerríos.  

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, indica que “co traslado dos postos dos vendedores ambulantes á Travesía da Peregrina buscouse incomodar o menos posible á veciñanza e defender os intereses dos comerciantes que conforman o mercadillo”. Ademais, explicou que “coas obras executadas mellorouse o espazo comercial da rúa do Ameneiral, o que permitirá que siga medrando o mercado de rúa, podendo incorporar a persoas que se encontran en lista de agarda”. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *