O Milladoiro acolle este venres o espectáculo de danza contemporánea “Nina Ninette”

160

O departamento de Cultura do Concello trae este venres, 14 de abril, o espectáculo de Danza Contemporánea “Nina Ninette” a Ames. Será ás 18h. Trátase dun conto iniciático que se inspira na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer para danzar unha historia de beleza e rebeldía. Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso… Mais Nina sente a falta do seu fogar e decide marchar. A cuestión é que ese mundo é un labirinto, e, como todos os labirintos, é moi doado entrar pero moi complicado saír.

Baixo a dirección de María Torres; Marta Alonso, Paula Quintas e Carlota Mosquera interpretan unha versión moderna da Cincenta, unha historia en que Nina é quen de transformar a súa realidade familiar e escolar por méritos propios e sen a necesidade de atopar a un príncipe.

Nina Ninette é un espectáculo de danza contemporánea pensada para o público infantil e familiar de a partir de 3 anos.

Determinada Compañía é a compañía formada por Marta Alonso Tejada e Paula Quintas nos seus traballos conxuntos como creadoras. Actualmente teñen catro espectáculos en cartel Nina Ninette, Tránsito 1, Alma e Up2down.