A programación do Nadal con Ames na Rúa continúa a pesar das recentes cancelacións por mor da situación epidemiolóxica cunha das súas actividades chave. Papá Noel visitará nas próximas xornadas os núcleos urbanos de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, coa fin de escoitar as peticións da rapazada, coñecela, e fotografarse con eles e elas. O xoves 23 de decembro será a quenda da Biblioteca Municipal do Milladoiro, mentres que o venres 24 Papá Noel desprazarase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. En ambas localidades, as visitas realizaranse de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, respectando a orde de chegada e a distancia de seguridade interpersoal.
A visita de Papá Noel é unha das actividades coas que se decidiu seguir adiante en Ames, despois de que este martes foran suspendidas máis de vinte propostas para o Nadal por mor do incremento de casos de coronavirus no concello e na comarca. O evento mantívose ao estar garantido o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre familias, xa que as nenas e nenos irán entrando ao recinto de un en un, respectando a orde de chegada e a ringleira que se vaia formando e indicando.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, gabou a visita, que dende o seu departamento apostaron por manter na programación de Nadal polo gran impacto que ten en todas as cativas e cativos. “Agradecemos a Papá Noel que este ano volva visitar Ames. A súa parada no concello é moi importante para os veciños e veciñas máis ‘peques’, xa que son días de moita ilusión para eles”.
Ademais da recepción a esta figura mítica, a Concellaría de Promoción Económica, organizadora do encontro, tamén continuará cos concertos do Ameson, outra das propostas programadas para o Nadal. Durante estes eventos de música ao vivo, o público permanecerá sentado e esixirase a presentación do pasaporte covid á entrada.
Baixo esta programación, hoxe día 22, ás 18:00 horas, na praza da Maía de Bertamiráns, estará Paco Nogueiras. Mañá, xoves 23 ás 18:00 horas, na praza de Manuel Murguía do Milladoiro, actuará o Grupo Lume, que lidera o veciño de Ames e antigo cantante da orquestra Compostela, Miguel Torres. Xa para a semana, o luns 27 de decembro, tamén na praza de Manuel Murguía, ás 18:00 horas actuarán As Maianas. O 28, á mesma hora, na praza da Maía de Bertamiráns estarán Os Broken Peach. O mércores 29 será a quenda da Escolanía da Catedral de Santiago, que estará na praza do Concello, ás 18:00 horas. Finalmente, o Ameson pecharase o xoves 30 de decembro, ás 18:00 horas, coa actuación da veciña de Augapesada, Thais Suki, finalista do concurso televisivo de “La Voz” que estará na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro.