O Milladoiro terá un novo complexo deportivo con dúas piscinas, spa e outros espazos

263

Xa está presentado o anteproxecto do novo complexo deportivo do Milladoiro. Estas novas instalación deportivas constarán de tres plantas, que albergarán dúas piscinas, instalación de spa, diferentes salas de actividades, solarium e espazos ao aire libre, así como un amplo aparcamento. Estará ubicado nunha parcela de 3.700 metros cadrados da rúa Agro do Muíño contigua ao novo centro de saúde, sendo esta unha situación céntrica para que poidan acceder a ela fácilmente tanto a veciñanza do Milladoiro como a do resto de Ames e da contorna.

A presentación deste anteproxecto tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, a cargo do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Deportes, Susana Señorís, do concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e do consultor técnico deportivo, Óscar Iglesias. Segundo explicou o alcalde no acto, a previsión é que durante o ano 2022 se poidan rematar os pregos, licitar o contrato e adxudicalo, para en 2023 poder comezar a executar as obras, aínda que recalcando a necesaria cautela que hai que ter cos prazos deste tipo de proxectos.

Este novo complexo deportivo xa leva anos xestándose. Dende decembro de 2020 o Concello estivo traballando na elaboración dun estudio de viabilidade para coñecer a fórmula de xestión e demanda desta instalación, e tamén para proxectar as dimensións e características que debería ter a infraestrutura. De xeito conxunto tamén se levou a cabo un estudo da explotación e do sistema de concesión da instalación. Estes estudos culminaron nun anteproxecto que busca traballar sobre o deseño interior e exterior da infraestrutura e as necesidades administrativas e urbanísticas da parcela onde se vai executar.

O complexo contará cunha superficie de 3.452 metros cadrados, coas súas tres plantas distribuídas en varias alturas. Deste xeito, o edificio adaptarase á pendente que ten a parcela onde se situará. Ao mesmo tempo, a construción desta nova infraestrutura permitirá urbanizar esta zona céntrica do Milladoiro coa creación dunha nova praza pública de 1.300 metros cadrados. O espazo exterior polo que se accede ao complexo deportivo actuará como elemento integrador entre o edificio e mailo espazo viario. Trátase dun espazo urbanizado que albergará zonas libres de tránsito e zonas con árbores e que servirá de conexión entre os diferentes niveis da zona exterior e mailo edificio.

En palabras do concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, para a Revista AMSGO!, esta renovación do espazo colindante do novo centro deportivo súmase a outros proxectos de humanización pendentes, coma o da Avenida Rosalía de Castro: “Todo o que medrou o Milladoiro ten que ir acompañado de gañar espazos máis amables para toda a veciñanza. Trátase de acadar todos os espazos verdes posibles, así como a humanización de espazos para o esparexemento das persoas, e equipamentos públicos”. Así, elixiuse esta parcela ao ser “moi céntrica e moi cómoda para a veciñanza, ademais de ser de propiedade municipal e de cumprir con todos os requisitos técnicos que buscábamos para este tipo de equipamento”. A zona terá así unha renovación completa, logo da inauguración do novo centro de saúde hai apenas un ano.

Falando xa concretamente das propias instalacións, estas contarán cunha planta subterránea que estará dedicada a garaxe e contará con prazas para 68 vehículos e 9 motocicletas. Haberá dúas prazas adaptadas ao carón dun dos accesos ao edificio. Habilitaranse dous accesos ao espazo público exterior e un delas con vinculación directa ao complexo deportivo. Na planta soto tamén se situarán distintos locais técnicos.

Por outra banda, na planta baixa haberá unha zona de recepción e unha zona con dúas piscinas; unha delas será unha piscina de 12,5 por 25 metros, que dispón das medidas regulamentarias para poder albergar distintas competicións de deportes acuáticos; e unha segunda piscina de 12,5 por 8 metros que estará dedicada actividades de aprendizaxe. É importante destacar que se dotará á piscina de competición de gradas con aforo para 200 persoas e con servizos e accesos propios. Na planta baixa tamén se vai a construír unha zona de servizos complementarios de spa.

As dúas piscinas estarán en zonas independentes, polo que cada piscina contará cuns vestiarios propios. Deste xeito, os vestiarios da piscina de aprendizaxe estarán en fronte de dita piscina para facilitar o acceso. O mesmo sucederá cos vestiarios da piscina de competición. Tamén hai que salientar que ambas piscinas terán accesos diferentes. Como elemento diferenciador preténdese empregar a cuberta do edifico para o desenvolvemento de actividades deportivas ao aire libre, como ioga, pilates ou crossfit, e tamén para habilitar nesta zona tres salas para realizar actividades de fitness, e unha sala máis ampla de 750 metros dedicada a ximnasio, para realizar exercicio cardiovascular e muscular. Aproveitando a orientación suroeste que vai a ter o edificio vaise crear tamén un espazo para empregar coma solarium.

Segundo a concelleira de Deportes Susana Señorís conta á nosa revista, a idea de dotar ao Milladoiro de todas estas prestacións xurdiu de que “a nivel contorna, as ofertas de equipamento deportivo estanse quedando moi escasas. Cada vez hai máis clubes, máis deportistas, estamos apostando todos por unha vida máis sana…”. É por iso polo que o centro vai ter unha dobre orientación, con instalacións tanto para actividades de formación e para todos os públicos, como pode ser o caso da piscina pequeña para actividades dirixidas ou dos espazos de spa e solárium, como instalación orientadas ao deporte competitivo, “onde tamén poidan entrenar os clubes que nolo demanden”.

Ademáis, Señorís explicou que “en verán organizamos xornadas de pilates ou ioga ao aire libre e tiveron unha moi boa acollida, así que o complexo disporá tamén de espazos para este tipo de actividades, non vai ser un espazo pechado sen máis”, recalcando a diversidade de usos que vai ter o complexo. Esta diversidade respondería ao aumento de demanda de diferentes actividades deportivas: “Cada día observamos que se abren máis ximnasios, espazos de pilates e ioga, hai máis entrenadores persoais… Ten moita demanda”, afirma a concelleira.

Antes de que o espazo estea listo e aberto ao público, en todo caso, a veciñanza de Ames xa conta mentres tanto con varias instalacións similares á súa disposición: “Temos unha piscina municipal cuberta en Bertamiráns, ademais dunha gran oferta a nivel privado, quen quere practicar onde sempre vai atopar onde”. A magnitude deste novo proxecto, que explica o tempo que vai tardar en rematarse, en todo caso, era necesaria dado o crecemento experimentado por Ames e o Milladoiro nos últimos anos.

“É algo máis ambicioso que o habitual”, afirma Señorís, “pero é que o que está pasando en Ames é que, a calquera investimento que se fai… cando te das conta xa está abarrotado e hai que facer unha ampliación, como foi o caso do cole do Agro do Muíño, en Ortoño”. A concelleira explica que este tipo de instalación non poden renovarse a curto prazo a medida que medra a demanda, polo que é necesario facer proxectos grandes dende un principio. En todo caso, a concelleira agarda que estea listo canto antes “para que o poida desfrutar a veciñanza do Milladoiro, de Ames e de toda a contorna”. Prevese que estas instalacións poidan coller arredor de 4.100 abonados e ademais coa posta en funcionamento deste complexo estímase que se crearán 21 novos postos de traballo, e terá un orzamento de 6.185.000 euros.