O MillaRaio, campión de Galicia sub16 masculino

310

Os atletas do club de atletismo MillaRaio acadaron a primeira posición no XXVII Campionato de Galicia de Clubs sub16 que tivo lugar o pasado sábado, 22 de maio, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Nove atletas tomaron parte na categoría, acadando un alto nivel de desempeño colectivo que se viu reforzado por actuacións individuais moi meritorias, que valeron nove podios. 

Tanto Alejandro Jiménez -300 metros- como Yago Iglesias -3.000 metros- e Noel Ferraces-salto de altura-, así como Alfonso Labella -martelo e xavelina-, conseguiron a primeira posición nas súas categorías. Destaca o dobrete de Labella. 

Os segundos postos foron acadados por Alejandro Jiménez, no salto de lonxitude; e Pablo Cariñena, no lanzamento de disco. Terceiros foron Lucas Dagnac, no triplo salto; e Diego Fagúndez, no seu debut na proba dos 5.000 metros marcha.

Tamén rozaron o podio, sendo cuartos, Lucas Pena nos 1.500 metros obstáculos, Álvaro Francos no salto con pértega, e Pablo Leiva no lanzamento de peso.

Nas restantes probas, Pablo Cariñena foi sétimo nos 100 metros, Hugo Santos foi sexto nos 600 metros, Lucas Dagnac acadou a quinta posición nos 1.000 metros, Álex Cabo tamén foi quinto nos 100 metros valados, e Lucas Lesmes acadou a sexta posición nos 300 metros valados.

Por unanimidade, os membros do equipo elixiron a Diego Fagúndez, para que os representase no máis alto dun podio restrinxido pola normativa Covid-19 a un só atleta.

No outro campionato de clubs, celebrado tamén o 22 de maio, na categoría sub20, a atleta sub18 do MillaRaio, Salomé Segade, participando como filial do Club Atletismo Santiago feminino, venceu na proba dos 5.000 metros marcha, conseguindo a mínima para o Campionato de España da súa categoría.