O Millarock regresa pola porta grande para celebrar a súa décima edición

430

Por Jacobo Mouriño. A pesar de que non se puido celebrar en 2020, o Millarock non perdeu en absoluto a súa vontade por apostar polo mellor do rock do país. Este 31 de xullo volve por fin ás andadas coas bandas Deseqilibrio Mental, Terbutalina e Bala, que completan un historial de máis de corenta grupos que ao longo da súa traxectoria teñen pasado polo festival de Milladoiro. Porque esta data, xa de por si unha das máis sinaladas ano tras ano para os rockeiros de Ames e a súa contorna, é especial por ser nada menos que a décima edición, e aínda que se vivirá sentados e cun aforo limitado a 400 persoas por mor da situación sanitaria, promete ser unha edición para a lembranza.

Os tres grupos que compoñen o cartel deste ano cóntanse entre os máis destacados da amplia escena galega. Por unha banda, Deseqilibrio Mental é un dos grupos en activo con máis historia se falamos de rock en galego, pois levan facendo ruído dende 2002. O seu estilo mestura rock alternativo con hip hop, metal e punk, como demostran discos coma Con Q sen U  ou a triloxía Séculos Escuros. Traballos que, por certo, foron gravados en Ames, nos míticos estudios Pouland Son de Iago Pico. Hai apenas unhas semanas lanzaron o seu último videoclip, “Lumes nunca máis”, un tema que clama contra os incendios que cada ano sofren os bosques galegos, que de seguro fará aos asistentes do festival berrar e moverse todo o posible dende os seus asentos. Pero o tema que terá que sonar si ou si no festival é o seu “Iba polo Milladoiro”, unha canción de 2011 na que contaron coa colaboración dunha decena de artistas do panorama galego daquelas.

Unha das características máis destacadas do Millarock ao longo da súa historia foi a aposta por grupos da contorna de Ames, polo que non sorprende que Deseqilibrio Mental estean asentados na Casalonga, no concello de Teo. Ademais, o grupo tivo ao longo da súa historia intercambio de membros con outras das bandas de rock e metal máis históricas da comarca, coma Ruxe Ruxe, Túzaros ou InVivo.

Por outra banda, Terbutalina é un dos nomes habituais en calquera festival galego que se prece, cun punk de garaxe rápido e festeiro que os converte nunha das bandas de música en galego máis destacadas dos últimos anos. Formados en 2010 na parroquia de Esteiro, en Muros, atopamos na súa discografía traballos coma A Muerte (2014), Al Otomano se le Va la Mano (2015) ou Espabila Gallego (2019), discos breves e intensos que se sinten, igual ca os seus directos, coma unha verdadeira sacudida de rock ‘n’ roll tocado a todo gas.

O dúo coruñés Bala é a banda de máis recente formación en actuar este ano no Millarock, pois naceu en 2014. Porén, nestes anos o seu ascenso está sendo meteórico. Cun estilo que incorpora  grunge, stoner rock ou metal alternativo, chegaron ao mítico selo internacional Century Media, que acaba de editar o seu último álbum, Maleza. O grupo formado pola guitarrista Ánxela Baltar e a baterista Violeta Mosquera esta a recibir con este traballo unha acollida moi boa a nivel internacional, que ata supera á que xa de por si recibiron con Human Flesh en 2015 e con Lume en 2017.

Estres tres grupos súmanse a unha lista que foi sumando a practicamente todos os nomes principais do rock feito en Galicia, e tamén a varios do resto do Estado. O festival celebrouse dende 2006 ata 2010 e logo dende 2016 ata 2019, e ao longo deses anos tivemos a oportunidade de ver en Milladoiro a artistas coma Loquillo, Hamlet, Lamatumbá, Obús, Agoraphobia, Ith, Heredeiros da Crus, Astarot ou Nao. A música en galego, como se pode ver, tivo un papel moi importante da historia deste evento.

A edición de 2020, que polas causas que todos coñecemos non se puido chegar a celebrar, tería contado con Siniestro Total. Agora é a oportunidade do décimo Millarock de marcar un novo regreso do festival, que contará esta vez con 180 minutos de rock galego de pura cepa.