O Nadal Lúdico de Ames axuda a conciliar ás familias de 127 nenas e nenos

120

Dende o pasado venres, 23 de decembro, e ata o vindeiro 5 de xaneiro, está desenvolvéndose en Ames o programa de conciliación Nadal Lúdico, unha oferta educativa e de ocio organizada pola Concellaría de Educación e co financiamento do programa Corresponsables, dirixida ás familias amesás que precisen compatibilizar a súa vida laboral e familiar. Actualmente toman parte 127 nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria.

Nesta ocasión, o alumnado traballará os valores a través da personaxe de Marga Polo, unha afamada antropóloga, descendente da familia Polo de Venecia, que se dirixe aos nenos e nenas dende os distintos lugares aos que viaxa.

Cada día, Marga Polo relátalles aos nenos e nenas a realidade dos distintos lugares que visita, compartindo con eles todos os telegramas que recibe de distintos puntos ao longo dos cinco continentes. Deste xeito, cada día preséntalles aos cativos unha nova problemática relacionada cos dereitos da infancia que está a vivir un rapaz ou rapaza dun país diferente. Desta maneira, o alumnado observa as diferenzas culturais, mostradas a través de lendas ou contos tradicionais representativos de cada unha desas culturas.

Posteriormente, os participantes do Nadal Lúdico poden ir deixando preguntas sobre as costumes do resto de países no “muro dos porqués”, que se irán resolvendo a medida que avanza o campamento. Por outra banda, a través do programa de conciliación tamén se propoñen xogos con músicas e danzas tradicionais dos distintos continentes.

Así mesmo, a proposta complétase coa dinámica “Nas diferenzas está o gusto”, coa que a rapazada aprenderá a apreciar as dinámicas a través dun pasatempo, creando un mural conxunto composto por distintos monstros creados a través dunha serie de táboas aleatorias que definirán a súa cor, forma, particularidades…

Para finalizar o programa, o alumnado participará nunha xincana de probas relacionada coa multiculturalidade, e levarase a cabo unha obra de monicreques, denominada “Contos doutras terras”. Todos os nenos e nenas elaborarán con material de refugallo monicreques para representar pequenas lendas ou contos tradicionais de distintas culturas por grupos.