O novo colexio do Milladoiro será unha aposta pola tecnoloxía

0
86

O novo colexio do Milladoiro será pioneiro na Nova Arquitectura Pedagóxica en Galicia. Esa é unha das conclusións da xuntanza de onte entre o alcalde, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Ademais, a reunión abrangueu temas como o cofinanciamento do comedor escolar de sete centros educativos entre Xunta e Concello ou a ampliación do CEIP Agro do Muíño.

Así, o alcalde e o edil coñeceron por boca do conselleiro todos os detalles da recente licitación do proxecto básico e de execución para a obra no Milladoiro. A Xunta investirá catro millóns e medio de euros no novo centro e será o primeiro construído integramente baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para deseñar un novo modelo de colexios e institutos postpandemia. O colexio poderá acoller a 450 alumnos, con seis aulas en Infantil e doce en Primaria, cos correspondentes aseos. Haberá tamén catro aulas para desdobres, aula de música, sala de usos múltiples, biblioteca e ximnasio (con vestiarios adaptados). Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a ANPA, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

Seguindo o establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, haberá un espazo central, con forma de foro, de usos múltiples e complementario do resto de instalacións. Alí establecerase unha paisaxe de aprendizaxe aberta. Ademais, atendendo á Estratexia de Educación Dixital 2030, o centro contará con local para a formación TIC dos docentes e aulas multifuncionais para seren empregadas como espazos maker para traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipados cos materiais necesarios (domótica, material de creación e procesado audiovisual, impresión 3D, mecanizado, electromecánica…).

En canto a espazos exteriores, haberá zona cuberta e descuberta exterior, con pista polideportiva cuberta e descuberta, zonas verdes e un horto. A previsión é de que as obras se realicen en 2022 e comece a funcionar en 2023/2024.

Ampliación do CEIP Agro do Muíño
Román Rodríguez informou ao Goberno local sobre a próxima licitación da redacción para o proxecto de ampliación do CEIP Agro do Muíño en seis novas aulas. O investimento será de 1,3 millóns de euros. Tamén chegará no curso 2023/2024

Convenio para o servizo de comedores
No transcurso da reunión, o conselleiro e o alcalde asinaron o convenio de colaboración para a prestación do servizo de comedor escolar en sete colexios públicos de Ames. Xunta e Concello cofinanciarán este servizo, cuns 275.000 euros autonómicos nos dous vindeiros cursos. Beneficiaranse 1.550 nenos diariamente. Este servizo fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar conta co apoio do Goberno galego desde o curso 2012-13.

Este novo convenio abrangue os sete centros escolares de Ames. Deste xeito súmanse os centros EEI Igrexa e EEI Covas aos colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP Barouta e CEP Ventín e á escola de Educación Infantil EEI Milladoiro.

O alcalde de Ames valorou moi positivamente esta xuntanza. Explicou que foi “moi positiva e cordial” e salientou que a construción do novo CEIP do Milladoiro e a ampliación do CEIP Agro do Muíño “suporán un investimento de case seis millóns de euros”.

Segundo o edil de Educación, con esta xuntanza “seguimos coa folla de ruta establecida dende hai seis anos de poñer en valor a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Ames para mellorar os equipamentos educativos”. “O servizo dos comedores escolares é o buque insignia dos servizos públicos municipais e a través deste cofinanciamento e coa licitación realizada polo Goberno de Ames garantimos a prestación deste servizo público para os próximos catro anos, blindando así un dos servizos básicos e esenciais para a cidadanía amesá, no ámbito da conciliación da vida laboral e familiar”, rematou Santomil.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here