O PEL-Reactiva da Deputación destina 12,5 millóns de euros a emprego

488

A Deputación acolleu hoxe a presentación das novidades do programa PEL-Reactiva, no que colaboran 88 dos 90 concellos de menos de 50.000 habitantes, que serán os encargados de xestionar as solicitudes. “Estamos ante o plan máis ambicioso presentado en Galicia para axudar aos autónomos a facer fronte ás consecuencias económicas orixinadas pola COVID-19 “, afirmou Valentín González Formoso, que quixo agradecer a “importante colaboración dos concellos no plan, xa que a Deputación aporta o 80% da financiación e son as administracións locais as que completarán cos seus propios fondos co 20% restante”.

“Con esta nova liña do PEL, o investimento en emprego da Deputación superará os 23 millóns este ano”, afirmou o presidente. Trátase do maior investimento da historia da Deputación en materia de creación de emprego, con distintos programas de apoio a concellos, pemes, emprendedores e profesionais autónomos. 

O deputado de Emprego, Xosé Ramón Riobóo, explicou que na seguinte fase serán os autónomos/as e microempresas os que deben solicitar as axudas, que se tramitarán a través dos concellos e que oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os  e os 3.000 euros aos que poden optar as empresas de entre 6 e 9 traballadores. As axudas serán compatibles con outras prestacións municipais, polo que augurou “unha avalancha de solicitudes”. 

Poderán acollerse ás axudas do PEL Reactiva os autónomos e microempresas que se viran afectadas polo peche durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.