O Pleno aproba a actualización do inventario municipal, que inclúe 8 inmobles

59

O pasado martes 28 celebrouse a sesión ordinaria do pleno de decembro, no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a rectificación do Inventario municipal, que levaba sen actualizar dende hai máis de 20 anos. Neste mesmo pleno aprobouse tamén por unanimidade solicitar unha subvención á Deputación para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns; o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021; a prórroga do contrato coa empresa Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo polo prazo de seis meses; e maila revisión dos prezos de Urbaser SA para 2021.

Por outra banda, a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga pola concesionaria do servizo, Espina & Delfín SL, saíu adiante co voto a favor dos membros do grupo de Goberno. A proposta presentada por Ames Novo sobre a adecuación dos límites de velocidade ao establecido polo Real Decreto 970/2020 en diversas estradas do concello foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do grupo municipal popular e do grupo mixto. A segunda proposta, presentada polos grupos municipais socialista, Contigo Podemos e Ames Novo, na que se insta ás autoridades da República de El Salvador a cumprir a sentenza do Tribunal Iberoamericano de Dereitos Humanos no chamado “Caso Manuela”, para reformar a lei que penaliza calquera tipo de aborto, incluso o terapéutico, foi aprobada por unanimidade.

O pleno ordinario comezou co alcalde dando conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión. De seguido, aprobouse por unanimidade a acta desta última sesión, e posteriormente pasouse ao debate dos asuntos recollidos na orde do día. O primeiro punto abordado foi precisamente a rectificación do Inventario municipal. A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal,  que xestiona as áreas de xestión patrimonial e inventario municipal de bens, explicou que “este procedemento servirá para seguir traballando na actualización e aprobación do Inventario municipal, cuestión moi necesaria no noso concello. A última actualización data do ano 1997 e ata o ano 2020 non se fixo ningunha actuación no Inventario. En 2020 realizáronse dúas incorporacións (unha delas foi a do centro coworking A Proa) e unha modificación”. Ademais, engadiu que “este Goberno comprométese a que durante o primeiro trimestre de cada ano vaise traer ao pleno unha actualización anual do mesmo”.

Nesta ocasión vanse incorporar 8 bens inmobles de gran importancia como son a Casa da Cultura de Bertamiráns; o complexo deportivo de Bertamiráns; o centro deportivo municipal da Telleira; as oficinas da Policía Local; as oficinas de Urbanismo; a depuradora de Quintáns, na Ameixenda; a escola infantil municipal A Madalena; e maila escola infantil municipal O Bosque. Os grupos da oposición mostráronse a favor de dita actualización do Inventario e animaron a á concelleira de Transparencia a que se siga traballando para continuar con dita actualización.

Outro dos asuntos que se aprobaron por unanimidade foi a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. Dita área disporía de 15 prazas para autocaravanas, unha delas adaptada para persoas con discapacidade, que estaría situada na zona das Pateiras, ao carón do campo da festa da Peregrina. O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, explicou que “o Concello de Ames leva dende o ano 2004 apostando polo turismo de autocaravanas, de feito fomos o segundo concello galego en crear unha área destas características, despois de Tui, e fomos no ano 2019 o primeiro concello galego en contar con dúas áreas de autocaravanas. Aínda así unha delas, a de Bertamiráns, é escasa, polo que decidimos crear una nova área nesta localidade, xa que este tipo de turismo está en auxe”. Deste xeito, vaise solicitar á Deputación da Coruña a súa colaboración económica no financiamento das obras de creación da área de autocaravanas en Bertamiráns cun orzamento de 50.982,26 euros. O importe solicitado á Deputación será do 80% (40.785,81 euros).

Na mesma sesión aprobouse por unanimidade o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. Aprobados os Orzamentos de 2021 autorizouse unha cantidade máxima de gratificacións, horas complementarias e horas extraordinarias do persoal de 73.319,48 euros. No mes de xullo iniciouse un expediente de ampliación de crédito das partidas para adaptalas ás novas necesidades, quedando unha cantidade total de 180.253,47 euros. Ante o remate do ano e visto que dita partida resultou insuficiente por mor de substitución de baixas, paternidades/maternidades, e necesidades de horas extras de prestación nos distintos servizos, aprobouse en Pleno un novo incremento da partida que acadará un total para o ano 2021 de 225.000 euros.

Por outra banda, a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga pola concesionaria do servizo, Espina & Delfín SL, a partir do 31 de decembro de 2021, foi un dos puntos que máis debate creou. Finalmente foi aprobado co voto a favor dos membros do Goberno municipal. Os partidos da oposición criticaron o xeito no que se está tramitando a continuidade de dito servizo. Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, dixo que se tería que empezar antes co proceso de municipalización da auga ou licitar o servizo, cando menos por un ano, para ter cobertura legal. Neste sentido tamén se manifestou Javier Olmo, do Partido Popular, que indicou que o Goberno non ten un plan B por se se demora o cambio de modelo de xestión do ciclo integral da auga. Engadiu que dende o Pleno do pasado 29 de abril de 2021, onde se aprobou a continuidade do contrato, e tendo en conta que se alongará ata o 31 de decembro de 2022, van a pasar case dous anos, nos que non houbo avances, salvo a validación da memoria xustificativa por parte da Comisión. Por último, dixo que deberían haber licitado de novo o servizo ata que se realice o cambio de xestión do servizo.  Quique Costas, de Ames Novo, por outra banda, queixouse da lentitude coa que se está xestionando o proceso de municipalización.

Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade a sétima prórroga, polo prazo de seis meses, do contrato asinado coa empresa Urbaser SA, que se encarga da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames. Dita prórroga comprendería dende o 15 de xaneiro de 2022 ata o 14 de xullo de 2022 e sería por un importe de 334.799,18 euros. Tamén se aprobou por unanimidade a revisión de prezos coa empresa. Dita actualización terá efecto dende o 1 de xaneiro de 2021. A revisión sae favorable ao Concello por un importe de 3.160,67 euros.

Por outra banda, abordáronse dúas propostas: a primeira, presentada por Ames Novo sobre a adecuación dos límites de velocidade en diversas estradas do concello, logo do establecido no Real Decreto 970/2020, que modifica os límites de velocidade en vías urbanas e que entrou en vigor o pasado día 12 de maio de 2021. A proposta instou ao Pleno a dirixirse á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia a fin de que proceda a fixar o límite de velocidade en toda a avenida da Peregrina en 30 km/h. Tamén solicita dirixirse á Deputación Provincial para fixar o límite de velocidade a 30 km/h na rúa da Madalena e na DP-0250 no tramo que se corresponde coa avenida Alcalde Lorenzo e nas proximidades do CEIP Agro do Muíño. Finalmente, a proposta foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do grupo municipal popular e do grupo mixto, mentres que os membros do Goberno municipal abstivéronse.

Na segunda proposta, presentada polos grupos municipais socialista, Contigo Podemos e Ames Novo, instouse ás autoridades da República de El Salvador a cumprir a sentenza do Tribunal Iberoamericano de Dereitos Humanos no chamado “Caso Manuela”, que insta ao goberno dese país a reformar a lei que penaliza calquera tipo de aborto, incluso o terapéutico. Esta proposta foi aprobada por unanimidade e todos os grupos coincidiron na importancia de reformar dita lei. A proposta chegou a Ames e ao resto dos Concellos galegos a través de AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) que quere lograr que se estableza un protocolo de atención das urxencias obstetricias e que se protexan os datos das pacientes, cuestión que, segundo AGARESO se vulneran con moita frecuencia.