O Pleno aproba un crédito extraordinario para sufragar parte do PEL Reactiva Ames

209

Este xoves, 28 de xaneiro, celebrouse o pleno ordinario de xaneiro no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade un crédito extraordinario por valor de 116.509,57 euros que se destinarán xunto aos 466.038,29 euros, que achega a Deputación Provincial da Coruña, para sufragar as axudas incluídas no PEL Reactiva Ames. Tamén se aprobouse por unanimidade o Plan de continuidade da prevención de incendios forestais coa plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa e o expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Castrigo. Por maioría absoluta saíron adiante unha proposta presentada polo grupo municipal popular en apoio da autonomía financeira de Galicia e outra proposta do grupo municipal socialista para a creación dun fondo extraordinario nos orzamentos da Xunta destinados á loita contra a pandemia da Covid. Ademais, aprobouse por unanimidade dúas mocións presentadas por vía de urxencia, unha sobre a reposición da liña de autobús de Ortoño con Santiago de Compostela e outra para a mellora da UCI-A do Hospital de Santiago.

No pleno ordinario do pasado mes de agosto, celebrado o 3 de setembro de 2020, aprobouse o crédito extraordinario 1/2020, financiado con baixas por anulación, para proceder a dotar crédito adecuado e suficiente para a achega municipal ao PEL Reactiva da Deputación Provincial da Coruña. Rematado o exercicio 2020 consta aprobada a convocatoria das axudas PEL Reactiva. No exercicio 2021 procederase á concesión das axudas, previsiblemente a finais do mes de febreiro, para o que é necesario a existencia de crédito.

Poderá incorporarse ao exercicio 2021 a parte do proxecto financiada con fondos finalistas da Deputación Provincial ao existir un compromiso firme de achega. En canto a achega municipal non pode ser obxecto de incorporación ao non estar liquidado o exercicio 2020, xa que o financiamento da incorporación realizaríase con remanente de tesourería para gastos xerais. Polo tanto, é necesario tramitar unha modificación do orzamento que permita dotar do crédito adecuado e suficiente para a achega municipal ao proxecto que ascende a 116.509,57 euros.

Cómpre lembrar que a achega total do PEL Reactiva Ames ascende a 582.547,86 euros, dos cales a Deputación da Coruña achega 466.038,29 euros (80%) e o Concello de Ames os 116.509,57 euros restantes (20%). Para dispor de dita contía a Corporación municipal aprobou por unanimidade o crédito extraordinario 1/2021 por valor de 116.509,57 euros.

Dita modificación financiarase con remanente con baixas por anulación de aplicacións previstas no orzamento de 2020, que actualmente está prorrogado para 2021. Polo tanto a modalidade de modificación proposta é a de crédito extraordinario por tratarse de gastos non previstos no orzamento financiado con baixas por anulacións. Deste xeito, esta contía financiarase coas baixas no plan de limpeza de camiños (68.000 euros); aforro na licitación do servizo de xestión tributaria (35.000 euros); e na partida para estudios varios (13.509,57 euros).

Plan de continuidade da prevención de incendios forestais
O Pleno aprobou tamén por unanimidade o Plan de continuidade da prevención de incendios, mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames.

Cómpre lembrar que o 28 de decembro de 2017 aprobouse o Plan de medidas preventivas fronte aos incendios forestais mediante a repoboación con frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Dito plan tiña unha vixencia de 4 anos e comprendía o período 2017-2020. Unha vez rematado dito período cumpría renovar o plan para darlle continuidade de cara o período 2021-2024. Durante o período 2017-2020 actuouse en 188 parcelas (15,27 hectáreas) e plantáronse 3.611 árbores.

O importe que se dedicará ao Plan de plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa para o inverno de 2020-2021 ascende a un total de 79.414,15 euros, repartidos en 41.413,95 de persoal; 32.000 euros para os traballos de plantación en 12,78 hectáreas con 4.260 árbores; e un custo de mantemento de plantacións do ano anterior que ascende a 6.000 euros. A estimación dos prezos dos traballos forestais está baseada na Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de xestión de biomasa nos espazos definidos como redes secundarias de faixas conforme á legalidade.

Expediente de investigación patrimonial dun camiño de Castrigo
Outro dos temas que se aprobaron por unanimidade no pleno foi o expediente de investigación patrimonial dun camiño de Castrigo. A través dun decreto de Alcaldía, aprobado o pasado 15 de outubro, acordouse o inicio dun expediente administrativo de investigación patrimonial sobre o devandito camiño. Unha vez finalizado o expediente administrativo a Corporación municipal aprobou declarar que este camiño non é un ben de dominio público propiedade do Concello de Ames.

Propostas aprobadas por maioría absoluta
No apartado de propostas aprobouse por maioría absoluta unha propostas presentada polo grupo municipal popular en apoio da autonomía financeira de Galicia. Esta proposta saíu adiante co voto a favor do Partido Popular, BNG, e do concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os/as concelleiros/as do PSdeG-PSOE e mailo concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, abstivéronse.

En dita proposta ínstase ao goberno central a que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa tributaria que a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis lle recoñecen a Galicia. Tamén se insta ao goberno central a que os acordos que se adopten en ámbitos que afecten á capacidade financeira de Galicia sexan tomados no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira -órgano multilateral no que están representadas todas as CCAA- e da Comisión Mixta de Transferencias Estado – Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, nesta mesma proposta ínstase aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado a que na tramitación parlamentaria do Proyecto de Ley de Medidas de prevención y lucha contra el fraude fiscal, actualmente no Congreso, se proceda á supresión do artigo que reforma a Ley 35/2006 del Impuesto sobre la Renta de las Personas Físicas para introducir a ficción legal consistente en declarar como comportamento fraudulento, que non admite proba en contrario, toda venta dos bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia; por tratarse dunha clara e inxustificada vulneración da autonomía competencial e financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, e do principio de lealdade institucional que debe presidir as relacións entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

A segunda proposta, presentada polo grupo municipal socialista, tamén foi aprobada por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros/as do grupo propoñente, BNG, Contigo Podemos, e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros do grupo municipal popular votaron en contra, mentres que o concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstívose. Dita proposta recolle a creación dun fondo extraordinario nos orzamentos da Xunta destinados á loita contra a pandemia da Covid. A través desta proposta trátase de recoñecer e poñer en valor o traballo levado a cabo polos Concellos galegos, que foron e son clave na loita contra a pandemia da COVID-19. Ademais, ínstase á Xunta de Galicia á creación dun fondo extraordinario no orzamento da Comunidade Autónoma destinado ás corporacións locais dotado de, ao menos, 100 millóns de euros para este 2021 que se reparta con criterios estritamente obxectivos.

Moción sobre a liña de autobús entre Santiago e Ortoño
Neste pleno había seis mocións presentadas por vía de urxencia, que non deu tempo de abordalas todas. Na primeira moción, presentada polos partidos políticos que forman o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos) solicitouse a reposición da liña de autobús de Ortoño con Santiago de Compostela. Esta moción foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal.

Todos os grupos políticos coincidiron en reclamar a restitución desta liña de autobús. O alcalde dixo que a Xunta de Galicia, que é a responsable deste servizo, é a que ten que reaccionar e restituír o servizo de autobús a Ortoño, mentres que o voceiro do grupo municipal popular solicitoulle ao alcalde que se reúna co alcalde de Santiago e coa Xunta para solucionar esta situación. Os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, destacou a falta de información sobre as paradas e horarios das liñas de transporte, mentres que José Ramón Oulego, de Ciudadanos, recalcou que é necesario ter algunha argumentación legal ou informe xurídico no que basearse para resolver esta situación que é suficientemente complexa.

En dita moción ínstase á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a asumir a súa competencia e restablecer de forma inmediata a cobertura de transporte metropolitano á veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído (Fraíz e Moniña) cun transporte directo a Santiago, ben sexa cunha nova licitación, conveniando co Concello de Santiago a extensión da liña P2 ou por modificación contractual do plan de transporte metropolitano actual.

Tamén se lle solicita á Dirección Xeral de Mobilidade que lle remita ao Concello de Ames os informes e expedientes onde consten os motivos polos que en 2017 non sacou adiante o anteproxecto de explotación da presente liña. Por último, pídeselle á Dirección Xeral de Mobilidade que informe ao Concello de Ames de cales foron os motivos polos que non se incorporou esta liña nos novos contratos a sabendas de que o Concello de Santiago comunicou a súa intención de non prestar o servizo e sendo de interese metropolitano.

Moción para a mellora da UCI-A do Hospital de Santiago
Por outra banda, o grupo municipal do BNG presentou unha moción para a mellora da UCI-A do Hospital de Santiago, na que o O Concello de Ames solidarízase coas demandas do persoal da UCI do CHUS en folga e reclámalle á Xunta que realice, de urxencia, as melloras nas UCI-A para favorecer as condicións de saúde laboral destes/as profesionais que están en primeira liña na atención sanitaria da Covid-19. Esta moción foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal.

Moción en apoio á creación dun fondo de cooperación galego Covid-19
O grupo municipal popular presentou unha moción por vía de urxencia en apoio á creación dun fondo de cooperación galego Covid-19. O grupo municipal socialista solicitou que se retirase o segundo punto da moción e que quedase encima da mesa debido á reunión que teñen no día de hoxe, a Xunta de Galicia, Deputacións, FEGAMP e representantes do sector hostaleiro, sobre a creación dun fondo común de rescate á hostalaría fronte á crise da Covid. Finalmente, a proposta quedou encima da mesa co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, mentres que os edís do Partido Popular e o concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra. O concelleiro do grupo municipal mixto, Quique Costas, de Ames Novo, abstívose.

Por último, debateuse outra moción, presentada polo grupo municipal popular, para instar ao Goberno de España a poñer en marcha determinadas medidas para rebaixar o prezo da luz. Esta moción non puido votarse porque durante o seu debate levantouse o pleno ao chegar á media noite.

Ademais, quedaron dúas mocións sen debaterse. Unha presentada polos grupos municipais do partido Popular e do grupo mixto para a constitución da comisión sectorial de educación, e outra do grupo municipal de Ciudadanos para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cesamento dos políticos que o salten e cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou á orde de vacinación.