O Pleno de Ames aproba modificacións na ordenanza do IBI e o imposto sobre vehículos

163

O Pleno ordinario do mes de outubro de Ames aprobou, por unanimidade, unha a modificación puntual do regulamento dos programas de conciliación (Bos días coles, Comedores escolares e Tardes divertidas), lúdicos e da Escola de Verán. Tamén se aprobou co apoio de todos os grupos o proxecto modificado de acondicionamento e mellora térmica da cuberta da escola infantil O Bosque e maila modificación do proxecto da obra de melloras básicas das condicións térmicas e acústicas do pavillón do Milladoiro, así como a modificación da ordenanza de bens inmobles. Igualmente, foi aprobado un recoñecemento extraxudicial de crédito de 48.000 euros, e o incremento da contía para gratificacións, horas extras e horas complementarias.

Na ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles do Concello de Ames a modificación está relacionada coas bonificacións na cota do imposto en favor de inmobles nos que se tiveran instalado sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía que provén do sol. Dita bonificación está condicionada a que as instalacións para a produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación concedida pola administración competente. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Por outra banda, foi aprobada coa oposición de Ciudadanos a modificación da ordenanza de imposto sobre vehículos. O cambio afecta ao artigo 7.2 e artigo 9.1 que regulan, respectivamente, a exención do imposto para persoas con discapacidade e a bonificación dos vehículos en relación coa emisión de C02.

Todos os grupos aprobaron unha moción por vía de urxencia sobre o Día mundial da infancia 2022.