O pleno de Ames debaterá a creación do Consello Sectorial das Persoas Maiores

0
51

Ames celebra este xoves, 25 de novembro, o seu pleno ordinario do mes de novembro. Na xuntanza debateranse aspectos como a adhesión ao convenio da Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais. Tratarase tamén a constitución do Consello Sectorial das Persoas Maiores, a aprobación inicial do Regulamento do Consello Sectorial de Educación e a aprobación do Código Ético e do bo goberno do Concello. Outro dos puntos da sesión será a aprobación do expediente de licitación do Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos centros educativos.

Pola súa banda, o PP presenta unha moción para que o Concello inste ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a adopción de medidas que garantan “que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, polo menos, os seus custos de produción” na futura na Lei da Cadea alimentaria, actualmente en tramitación.

Sobre o primeiro punto, o que ten que ver co convenio coa Axencia Tributaria, e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de intercambio de información tributaria e colaboración recadadora coas entidades locais, o Concello lembra que xa está adherido ao Convenio asinado en 2003. Este 2021, a FEMP e a AEAT asinaron un novo convenio apostando por un novo marco que regule este intercambio da información adaptándose aos avances tecnolóxicos. O Concello considera acaído sumarse ao novo marco “coa conseguinte redución de cargas administrativas”, e proporán iso mesmo ao pleno.

Do mesmo xeito, e a proposta da Concellería de Benestar Social, o pleno tratará a aprobación da constitución do Consello Sectorial das persoas maiores. Será a cuarta proposta deste tipo este ano, após a aprobación dos consellos de Educación, Cultura e Nenas e Nenos. Precisamente, o pleno debaterá a aprobación inicial do regulamento de funcionamento do Consello sectorial de Educación. Este regulamento recolle ao longo de oito artigos a composición, as competencias e o funcionamento do órgano colexiado.

Código Ético e do Bo Goberno
O pleno tratará asemade a aprobación do Código ético e do Bo Goberno do Concello de Ames, ao que se lle dará publicidade na páxina web municipal. O código divídese en cinco grandes partes: disposicións xerais, principios reitores da actividade municipal, normas de conduta, pautas en materia de contratacións e subvencións e o seguimento e avaliación do propio Código. A súa redacción toma como referencia leis estatais e autonómicas de transparencia e bo goberno, recomendacións do Consello de Europa e códigos de conduta doutros concellos e da Unión Europea.

Posteriormente será a quenda do debate sobre a adxudicación do  Servizo de Limpeza Integral nas instalacións municipais e nos Centros Educativos do Concello de Ames, O presuposto total da base de licitación para tres anos é de 1.958.214 €, dividida en tres lotes: o primeiro para o Servizo de Limpeza nos Centros de Educación Infantil e Primaria e nas Escolas Unitarias por valor de 1.042.050 euros; o segundo para ao servizo de Limpeza das Escolas Infantís ao que se lle adxudicarían 298.205 euros; o terceiro abrangue o Servizo de Limpeza das instalacións de uso municipal 617.959 euros.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here