O PP acusa ao Concello de Ames de perder unha subvención da Xunta no Milladoiro

189

O Partido Popular de Ames acusou esta fin de semana ao Concello de ter perdido unha subvención de 106.000 euros para melloras no parque empresarial NovoMilladoiro. Os populares aseguran que esta axuda foi solicitada polo Concello en 2021 e aceptada pola Xunta. Porén, a “pouca planificación” do Goberno local, indican, tería feito que “se esquecesen de licitar a obra”, perdéndose a axuda.

Os populares lamentan que “non é a única subvención da Xunta de Galicia que perde o Concello de Ames”. Lembran que o ano pasado quedou deserto un contrato para adquirir baixo a modalidade de renting un vehículo híbrido enchufable para a Policía Local. Os populares esperan que dende o Concello “non se durman” coa licitación e execución das obras de pavimentación dun vial de acceso á AG-56 en Ventín (Biduído), orzamentado en 42.000 euros e cunha subvención de algo máis de 34.000.