O PP agradécelle a Argibay o seu compromiso e esforzo en Ames

432

O que ata a data de hoxe fora portavoz do Partido Popular de Ames, Ramón Argibay, aproveitou o pleno municipal celebrado onte á tarde tarde para renunciar á súa acta de concelleiro popular “por motivos persoais”. Argibay, que días atras comunicara a súa decisión de abandonar a primeira liña da política municipal á dirección provincial do Partido Popular, decidiu dar un paso á beira, despois de encabezar a lista popular nas últimas eleccións municipais celebradas no ano 2019.

“É o momento de deixar paso a outras persoas que veñen con toda a ilusión e as ganas do mundo. Toca abrir unha nova etapa no Partido Popular de Ames que debe terminar coa consecución da alcaldía na próxima cita electoral”, apuntou Argibay, quen agradeceu o traballo de todo o equipo de traballo que lle acompañou durante estes meses á fronte dos populares no municipio.

Pola súa banda, o novo secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, que estivo acompañado polo vicesecretario territorial, Ovidio Rodeiro, e a coordinadora de participación provincial, María González, na última reunión do PP de Ames, aproveitou a oportunidade para agradecer o “compromiso e o esforzo” mostrado por Argibay á fronte da formación no Concello de Ames, do que quixo resaltar a súa “xenerosidade e a súa lealdade” desde o primeiro ata o último día.

Nova etapa
Confirmada a renuncia, Ben sinalou que a a dirección da súa formación traballa xa para construír un equipo no que terán cabida todas aquelas persoas do centro-dereita que queiran achegar o seu granito de area para conformar unha candidatura “integradora, con capacidade para estar á beira dos veciños e, sobre todo, preparada para converterse nunha opción segura para os vecinos de Ames. No noso partido ten cabida todo o mundo que teña ganas de sumar, de aportar ideas e de traballar codo con codo para mellorar a vida da xente do Concello”.

Neste sentido, o secretario xeral lembrou que as etapas de máis prosperidade e desenvolvemento do municipio leváronse a cabo sempre baixo o paragüas dos gobernos do PP. “Temos tempo máis que suficiente para prepararnos e traballar duro. Demostramos outras veces que somos a mellor alternativa para os veciños de Ames e volverémolo a lograr nas próximas municipais”.