O PP considera “un bluf” o proxecto de humanización da N550 no Milladoiro

342

A presentación, o pasado 30 de outubro de 2021, do Anteproxecto do plan do Goberno Local de Ames para a humanización do tramo da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro causou “sorpresa entre veciños e oposición municipal”, aseguran dende o PP local. Sorpresa, consideran, porque o alcalde de Ames, Blas García, presentase o proxecto “coa vista próxima nas próximas eleccións municipais” antes de “dar traslado á oposición e aos veciños do anteproxecto de proposta, como estaba acordado”.

Lembran dende o PP que o pasado 21 de decembro do 2020 o Goberno Local encargaba, por 13.794 euros, a realización dun anteproxecto de proposta de humanización do referido tramo da N-550: unha vía de titularidade nacional, cuxa transferencia ao Concello de Ames só sería posible se existise outra vía alternativa tamén de titularidade nacional. “É, por tanto, o Ministerio de Fomento, por ser asunto da súa competencia, quen ten que encargarse de redactar e executar o proxecto”, consideran. Lamentan que, “a pesar diso, Blas García anuncia unha solución sobre a que a Administración local non ten competencia algunha” e consideran que o proxecto “debe vir redactado, financiado e executado pola Administración do Estado”. Ademais, recordan que naquel momento “nin sequera existía unha dotación orzamentaria para a redacción do inexistente proxecto de humanización da Avenida Rosalía de Castro de Milladoiro”.

Os populares poñen a vista nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 e botan en falta unha partida para a redacción deste proxecto, o que ao seu xuízo pon de manifesto que se trata dun “bluf”, considerando que o Goberno local busca “rédito propagandístico e electoral”. “Para iso, a finais de outubro, unha delegación do tres membros do BNG do Goberno Local desprazouse a Madrid para que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentase unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado para o 2022”, explican. A emenda consistía, din, “en solicitar a inclusión dunha partida orzamentaria específica para a redacción do proxecto completo de humanización da avenida Rosalía de Castro no Milladoiro”. Consideran que o desprazamento a Madrid destes representantes do BNG respondeu tamén á procura dun “efecto propagandístico” co “consecuente gasto”, a pesar do “fracaso” da comitiva.