O PP critica o estado das instalacións do antigo campo de fútbol de Biduído

176

O Partido Popular de Ames considerou hoxe que as instalacións do antigo campo de fútbol de Buduído, hoxe en día empregadas para o adestramento de atletas, son “terceiromundistas”. Para os populares, “abonda con realizar unha visita” ao lugar para “comprobar o lamentable estado en que se atopan as instalacións en que os novos atletas adestran”.

As instalacións contan na actualidade cunha gaiola para lanzamento de disco e de martelo. Estas son, din dende o PP, “as dúas únicas disciplinas, dos catro dipos de lanzamento, que se poden adestrar sen risco ningún e en condicións aceptables”. Algo, afirman, que non sucede co lanzamento de peso e xavelina. Tamén critican a ausencia dunhas pistas de atletismo, e denuncian que os atletas “teñen que adestrar en pistas de alugueiro en Santiago”. No tocante a competicións, alertan de que “Ames carece de instalacións homologadas para competicións oficiais” malia as promesas do Goberno local.

Os populares urxen ao Concello a tomar medias e lembran que dende a concentración parcelaria o Concello dispón de “máis de 3.000 metros cadrados” na zona, con posibilidade de sumar outras parcelas ata chegar a case 6.000 metros.