O PP critica os atrasos no espazo PM5-03 do Milladoiro

181

O PP de Ames denunciou onte que espazo público do PM5-03, unha zona verde e de ligazón peonil entre a zona alta e a baixa de Milladoiro, “continúa pechado ao uso ao detectarse máis deficiencias na súa reurbanización”. Os populares lamentan que “dous anos máis tarde da data en que deberían estar concluídas as obras, o espazo público continúa pechado e sen poder ser utilizado polos veciños”. “Haberá que esperar até finais deste mes de xuño, data en que finaliza o prazo dado á empresa contratista para emendar as deficiencias, para saber se se concluíu definitivamente a reurbanización”, sinalan.

Para o PP, a reforma da zona caracterizouse polas “chapuzas”, tanto na execución como no financiamento da reurbanización, “que custou aos veciños de Ames máis de 85.000 euros”.

A mediados de xaneiro de 2021 o Grupo Municipal Popular de Ames interesouse sobre a causa pola que se demoraba tanto a apertura do espazo público recentemente reurbanizado do PM5-03, situado entre a avenida de Rosalía de Castro e a Rúa Costa Grande de Milladoiro. Unhas obras que en xullo do 2020 estaban a piques de ser rematadas, segundo manifestou o actual alcalde, Blas García, e que converterían esa zona nunha praza que tamén serviría como ligazón peonil entre a zona baixa e a zona alta de Milladoiro.

Estas obras, que debían terse recepcionado hai uns 15 anos, foron sempre, din os populares, “acompañadas de chapuzas e atrasos”. Acusan ao Goberno de Ames de non ter dubidado en facer “de maneira reiterada, propaganda das mesmas”. Primeiro foi o alcalde Carlos Fernández, quen en 2011 presento un proxecto de reparación “polo ridículo importe” de 29.928,01 euros. A última actuación “propagandístic”a foi en xullo do 2020 para anunciar a inminente terminación das obras, sinalan os populares.