O PP denuncia “canseira veciñal” en Bertamiráns coa reforma de Horta de Abaixo

123

O grupo municipal do Partido Popular de Ames fixo públicas hoxe queixas veciñais da urbanización Horta de Abaixo. Aseguran os populares que os veciños manifestan “a súa canseira” pola demora na finalización das obras. Ademais, sinalan, os veciños séntense decepcionados coa obra. “Aínda que os traballos non están rematados, á luz do que se vai vindo non parece que o resultado final sexa do agrado de todos”, afirman os populares, engadindo que “non son poucos os que manifestan o seu rexeitamento pola estética final da beirarrúa perimetral, os camiños e ramplas entre áreas estanciais interiores” da praza, onde o vello adoquinado de formigón foi trocado por formigón lavado.

Os populares afirman que agardarán a ver o resultado das obras e que a reurbanización da área “era unha necesidade desde había moito”. Na zona afundíranse varias partes do pavimento, creando risco de caídas. Tamén cumpría, afirman, repasar as instalacións urbanas existentes, renovando a iluminación pública e mellorando a accesibilidade.

O PP lembra que as obras foron prorrogadas por problemas de subministración, e que terían que estar rematadas en outubro. É imposible estender a prórroga ata decembro deste ano por estar incluída no POS+2021 da Deputación, que só prorrogou a obra ata o 30 de novembro de 2020. Tería que ser esta institución a que autorice unha segunda prórroga.