O PP local denuncia a presenza dunha morea de lixo en Caroubáns e pide presteza ante “vertedoiros incontrolados”

223
Caroubáns (Google)

O grupo municipal do PP de Ames recibiu dun veciño de Caroubáns unha fotografía na que aseguran que pode apreciarse unha morea de lixo na zona, con obxectos entre os que se inclúen pneumáticos e unha cadeira de plástico. O veciño asegura que o lixo leva uns seis meses tirado ao lado da cabina do autobús e que os veciños de Caroubáns “merecemos un pouco de limpeza, aínda que sexamos unha pequena aldea”. Os populares lembran que Caroubáns, malia pertencer a Covas, forma parte da trama urbana de Bertamiráns, do que dista 200 metros.

Dende o PP lembran que o Concello ten levado a cabo campañas de difusión do Punto Limpo. “Desde o Goberno Local apélase continuamente á colaboración cidadá” para evitar “condutas incívicas”, lembran, pero recordan que “tamén debe dar exemplo e actuar con presteza fronte á proliferación de vertedoiros incontrolados”. “Non basta con concienciar aos veciños para que non abandonen residuos en sitios non autorizados; tamén o Goberno Local debe de dar exemplo coa recollida deses restos cando detecta un depósito de residuos non autorizado”, reclaman.