O presidente da Deputación visita Ames e reafirma o compromiso cun “concello que medra”

0
73

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este xoves, 4 de marzo, unha visita institucional ao Concello de Ames. O presidente da Deputación foi recibido ás 11.30 horas no salón de plenos das Casa do Concello polo alcalde, Jose Miñones; o deputado de Promoción Económica e concelleiro de Obras e Servizos Básicos de Ames, Blas García; o voceiro do BNG e concelleiro de Educación, David Santomil; a voceira de Contigo Podemos e concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero; e os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. O voceiro do grupo municipal popular desculpou a súa ausencia por motivos laborais.

Dende a Corporación municipal de Ames agradeceron a implicación da Deputación provincial da Coruña cos fondos proporcionados ao Concello de Ames a través do Plan de Obras e Servizos (POS+ 2021), cunha partida de 1.57 millóns de euros que se investirán en novos investimentos, para a mellora de camiños e vías do rural así como para a mellora de infraestruturas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, e tamén para a redución de débeda. Ademais, o Plan Único adquire este ano unha nova dimensión social xa que 306.290 euros (un de cada 5 euros) irán destinados a financiar gastos sociais derivados da pandemia da COVD-19 no municipio.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, tamén destacou as axudas directas achegadas pola Deputación que permitiron renovar as instalacións e céspede do campo de fútbol de Bertamiráns, e os fondos do Plan provincial Reactiva, a través do cal ao Concello de Ames correspóndenlle 582.547 euros, dos cales o organismo provincial achega o 80% (466.038,29 euros).

Visita á área deportiva de Bertamiráns
De seguido, visitaron a área deportiva de Bertamiráns, onde tamén participou a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e mailo secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas. Nos últimos anos a Deputación da Coruña realizou un forte investimento no eido deportivo para mellorar as instalación deportivas do concello de Ames. Deste xeito, para o cambio do céspede e mellora das instalacións do campo de fútbol municipal de Bertamiráns investíronse 312.067 euros. A Deputación financiou o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegou o 20% restante. O campo foi dotado de terreo de xogo de herba artificial de última xeración, rede de rego, torres de alumeado LED de 16 metros de altura, proteccións perimetrais e novo equipamento deportivo para a práctica de fútbol 11 e fútbol 8.

Ademais, mellorouse a área deportiva de Bertamiráns cunha nova pista de pádel e unha pista de baloncesto exterior. Tamén se reformaron os vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns. En total, investíronse 144.303 euros nestas actuacións de mellora dos equipamentos deportivos de Bertamiráns, incluídas no POS+ 2019. Estes proxectos únense ao proxecto, xa executado anteriormente, de ampliación do pavillón de Bertamiráns, que permitiu habilitar un anexo dotado cunha nova sala de ximnasio e unha pista de squash cuberta. Neste proxecto investíronse 97.795 euros.

Ademais, grazas aos fondos dos plans provinciais da Deputación, no ano 2018 realizouse o cambio de pavimento dos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, nos que se instalou un novo pavimento de madeira axeitado para a alta competición. Nestes traballos investíronse 138.538 euros. Tamén se ampliou o pavillón do Milladoiro cunha nova sala-ximnasio na que se investiron 58.145 euros. Asemade, neste pavillón ampliouse a sala de spinning existente e mellorouse o equipamento deportivo de baloncesto.  Para o financiamento desta obra contouse cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña, para financiar o 80% de ditas actuacións, mentres que o Concello asumiu o 20% restante.

8,5 millóns do Plan Único en Ames
Gran parte destas obras foron financiadas con cargo aos fondos do Plan Único, “que supón unha contribución importante para mellorar as infraestruturas, equipamentos e servizos dos nosos municipios”, segundo explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que explicou que, desde a súa creación en 2016, o POS+ leva investido máis de 8,5 millóns de euros en Ames, financiando un total de 61 obras ás que este ano se sumarán como mínimo outras oito, entre as que destacan a reparación da Casa da Cultura de Bertamiráns (175.492 €), melloras nas condicións térmicas e acústicas do pavillón polideportivo de Milladoiro, a reurbanización de Horta de Abaixo (281.080 €) e melloras de estradas e accesos en Pedras, Eirapedriña (Bugallido), Vilar-Quintáns, Trasmonte, rúa do Rego e Travesía do Porto en Milladoiro.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tamén destacou que “a Deputación fai un especial fincapé en concellos como Ames, que medran e teñen unha presenza de xuventude importante, o cal require o reforzo dos equipamentos deportivos e culturais, onde o Concello está facendo os deberes e a Deputación, como non podía ser doutra maneira, está reforzando esa aposta municipal. Neste caso, é a posta en valor dun espazo deportivo para a práctica dunha das modalidades máis demandadas en Ames como, loxicamente, é a do fútbol. Son instalacións que van dar moito de si e que, loxicamente é dos proxectos que teñen neste eido nos que a Deputación vai reforzar e apoiar economicamente”.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, dixo “queremos agradecer á Deputación, non só polos investimentos que están a facer no eido deportivo a través do propio POS+, senón tamén no Plan de Emprego que nós, agora mesmo, estamos para sacar adiante esa liña de subvención para comerciantes. No caso concreto desta obra do campo de fútbol, foi unha obra moi demandada durante moitos anos polo Bertamiráns FC. Este campo é empregado por 500 rapaces ao longo dos sete días da semana e os 365 días do ano. Facer este investimento, non só é unha rexeneración do campo e do propio céspede, senón que tamén se melloraron as luminarias que tiñan unha importante deficiencia enerxética. Foi un avance que loxicamente esperamos que agora poida desfrutar toda esa mocidade que temos e segue medrando no noso concello”.

Visita á empresa de nanotecnoloxía Nanogap
Por último, Valentín González Formoso e José Miñones, acompañados do deputado de Promoción Económica e concelleiro de Obras e Servizos Básicos de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Belén Paz, visitaron a sede da empresa Nanogap, pioneira en España na produción clusters cuánticos atómicos (ACQs) e nanopartículas. Alí participaron nunha reunión coa fundadora e CEO de NANOGAP, Tatiana García, que asistiu por videoconferencia, o fundador e director técnico, Arturo López Quintela o accionista e asesor ténico da firma, David Buceta, e o director xeral de XesGalicia, Rubén Aguion, entre outros.

A compañía, que naceu como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desenvolveu unha nova tecnoloxía única a nivel mundial, denominada clústeres cuánticos atómicos, AQCs ( AQCs das siglas en inglés), coa que conseguen desenvolver partículas subnanométricas que confiren ao produto final dunhas propiedades específicas e únicas. O campo de aplicación destes AQCs é ilimitado: produción de materiais condutores, antimicrobianos, luminiscentes, así como melloras nos procesos catalíticos na industria química.

Un exemplo de aplicación actual no que a compañía se atopa involucrada é na produción de hidróxeno verde, sendo estas clústeres cuánticos atómicos peza fundamental no proceso de produción, o que permite obter uns rendementos e conversión superiores aos obtidos a partir das tecnoloxías actuais.

O modelo de negocio da compañía baséase no desenvolvemento personalizado de produtos á medida das necesidades do cliente. É por iso que no ano 2020 construíuse unha nova unidade de catálisis (Demo Lab) para proporcionar unha plataforma de ensaio dos seus produtos para diferentes aplicacións, xa sexa para melloras nos seus procesos, a súa caracterización e posterior demostración, melloras nas condicións de reacción, vixilancia das mesmas, co fin de poder profundar e optimizar os procesos de síntese de novos materiais, sendo de vital importancia para a industria de oil & gas, petroquímica ou ambiental. A compañía dispón de dúas fábricas de produción industrial, en Milladoiro (Ames) e en San Francisco, California (EEUU), cubrindo así a demanda dos seus produtos a nivel mundial.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here