O programa Ames Saudable consegue o Premio Nacional de Calidade 2021 para o Concello

176

O Concello de Ames recibiu onte en Madrid o Premio de Calidade da Rede de Cidades Saudables da Federación Española de Municipios e Provincias. O alcalde de Ames, Blas García, recolleu o galardón, concedido a poboacións por riba de 20.000 habitantes. Acompañaron a García a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e mais a técnica de Promoción da Saúde, Rosana Martínez

O premio recoñece o traballo do Concello a prol do fomento de iniciativas que favorecen os estilos de vida saudables, e concédese polo programa Ames Saudable, unha batería de actividades que fomentan hábitos saudables tratando de chegar a toda a poboación. O programa céntrase na promoción da saúde, así como na prevención, tratamento e a rehabilitación de enfermidades. Ten en conta aspectos como a alimentación saudable, a realización de actividade física e a prevención de consumos.

O Premio súmase a outros recibidos polo Concello nos últimos tempos como o Premio Progreso da Federación Andaluza de Municipios e Provincias, que recoñece os servizos de conciliación, ou a cualificación como Ciudad de la Ciencia e Innovación polo proxecto Innov@mes. O galardón agora recibido ten en conta o carácter transversal do Ames Saudable e a súa búsqueda da equidade no acceso a saúde. Tamén se valorou o papel da técnica municipal en nutrición.

Para Blas García, “é un gran recoñecemento para o Concello de Ames recibir premios por servizos que estamos a prestar”. Tivo palabras de agradecemento para o anterior alcalde e actual delegado do Goberno en Galicia, Jose Miñones, xa que “foi el o que tivo a iniciativa de presentar o programa Ames saudable a estes premios”.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, explicou que “este premio é un gran recoñecemento ao traballo levado a cabo dende a Concellería de Promoción da Saúde nestes anos e mais se temos en conta que foi concedido por unha Rede que representa a 25 millóns de persoas, recoñecéndoo como unha boa práctica no fomento de estilos e hábitos de vida saudable”. Compartiu o recoñecemento co monitorado “que é parte esencial das nosas actividades e sobre todo con todas as persoas que participan delas, facendo que este proxecto vaia medrando día a día e que nos dá impulso e forzas para seguir innovando, programando e traballando para seguir dando ferramentas para mellorar a nosa saúde física e emocional”.