O programa Sanauga abre inscricións o 20 de setembro

O programa Sanauga volve un ano máis a Ames con actividades no centro deportivo da Telleira de Bertamiráns orientadas para persoas maiores e persoas con discapacidade. O programa, organizado pola concellería de Benestar Social e xestionado pola Oficina do Voluntariado, abre o prazo de inscrición o mércores 20, permanecendo aberto ata o 27 de setembro, en horario de 10h a 14h. As persoas que estean interesadas poden inscribirse e obter máis información.A actividade arrinca o 3 de outubro. Dentro de Sanauga inclúense actividades de ximnasia acuática encamiñadas a mellorar o benestar físico e mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas.

O Sanauga 2023 foi presentado o luns 18 na Casa do Concello. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, destacou a “moi boa acollida entre as persoas maiores do concello” da actividade. Pola súa banda, o director do Centro Deportivo BeOne, da Telleira, Javier Magariños, asegurou que xa están “preparados para comezar un novo curso e con gañas de recibir a todas as persoas que se inscriban nesta actividades para a tempada 2023-2024″””.

O responsable da Oficina municipal de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, explicou que “este ano como novidade imos facer a reserva dalgunhas prazas para persoas que chegan derivadas dos servizos sociais municipais” xa que se trata dun programa lúdico, “pero tamén terapéutico”.

Exercicios na auga

Dende o Concello lembran que non fai falla saber nadar para participar no Sanauga, xa que os exercicios que se realizan son semellantes aos que se fan en terra. A través da metodoloxía do programa poténciase o achegamento ao medio acuático sen abandonar as nocións cotiás de motricidade, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos.

O programa desenvólvese nas instalacións municipais do centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en catro grupos, os martes e xoves, a partir das 9.15 horas cada 45 minutos. As sesión son de 9.15 a 10.00h; de 10.00 a 10.45h; de 10.45 a 11.30h; e de 11.30 a 12.15 horas. Cada grupo está composto por 15 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *