O programa Sanauga volve o próximo luns

250

En grupos reducidos, e coas restricións e as medidas hixiénico sanitarias que impón a loita contra a COVID19, comezarán a desenvolverse o vindeiro luns, 15 de marzo de 2021, as actividades acuáticas do programa Sanauga. O programa posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e/ou con discapacidade e ten como obxectivos mellorar a mobilidade e o benestar físico dos/as asistentes e mitigar as molestias derivadas de enfermidades musculares e óseas. Sanauga suspendeuse no mes de novembro de 2020 por mor da situación na que se atopaba nese intre a crise sanitaria provocada pola COVID19.

Son moitas as persoas que ao longo dos últimos anos comprobaron a través do programa Sanauga os beneficios que supón facer exercicio na auga. Moitas tamén as que mesmo aprenderon a nadar a través do programa. Porque para participar desta iniciativa non é necesario saber nadar. As dinámicas establecense a través de exercicios que habitualmente se fan en terra e o que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. De feito, na auga, realízanse movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como andar, empurrar materiais e mover segmentos corporais.

O programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en tres quendas que se amplian cando é necesario. Os martes e xoves ás 9:15, ás 10:00 e ás 10:45. As clases teñen unha duración de 45 minutos. Cada grupo está composto por 8 persoas.

Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a volta do programa Sanauga é unha moi boa nova: “é unha actividade que xa forma parte da axenda dos maiores de Ames, como amosa a elevada participación que ten ano tras ano. O seu obxectivo é mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes, mitigar enfermidades como a artrite ou as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia nun medio que facilita moito o movemento. Ademais non podemos esquecer o importante que é esta aproximación ao medio acuático que moitos e moitas maiores fan incluso por primeira vez. Cómpre salientar que moitas persoas aprenderon a nadar a través desta actividade e que a asistencia a estas clases favorece tamén as relacións interpersoais”. Neste senso, Feijóo salienta o valor que ten a actividade ·para un colectivo no que en moitas ocasións é moi difícil establecer relacións”.

As actividades de Sanauga comezarán a desenvolverse de novo o luns, 15 de marzo, na Centro Deportivo Municipal A Telleira.