
O Grupo Municipal socialista de Ames levará ao Pleno Ordinario que terá lugar en setembro unha proposta para instar a Xunta a que desenvolva un novo documento consensuado cos representantes do profesorado e das familias para dese xeito poder afrontar o curso 2020-2021 coas máximas garantías posibles.
Segundo afirma Blas García, voceiro municipal do PSOE de Ames, “non é comprensible que o documento publicado pola Xunta non fose elaborado contando cos principais afectados. Con este protocolo todo parece indicar que a Xunta intenta, unha vez máis, botar balóns fora, para que sexan outros os que asuman as responsabilidades da pandemia en materia educativa”.
Así mesmo, os socialistas tamén mostran o seu desacordo pola falta de comunicación cos Concellos, en quen recae unha parte importante das obrigas establecidas, sobre todo en materia de desinfección e limpeza, por iso propoñen unha xuntanza urxente da Xunta de Galicia coa FEGAMP, na que se valore a totalidade dos recursos económicos que se lle esixe mobilizar aos Concellos para poder dar cumprimento a todas as obrigas a cumprir neste eido, xa que segundo entenden os socialistas debería ser a propia Xunta quen habilitase recursos extraordinarios para que os fondos dos municipios non se vexan aínda máis prexudicados.
Deste xeito, García indicou que “tendo en conta que nos achegamos as datas do inicio do curso, é preciso que a Xunta asuma as súas competencias na materia, e se poña a traballar de xeito inminente e de xeito coordinado co sector educativo e administracións afectadas nun documento que responda a totalidade de necesidades”.